Ana Pontón: “A falta de valentía de Feijóo ante Rajoy converte Galiza na última carta da baralla”

  • Se en Madrid non gobernase o PP, Feijóo convocaría unha manifestación contra o recortazo en contraste coa choiva de millóns de euros para outros territorios

A portavoz nacional, Ana Pontón, expresou o seu convencemento de que se en Madrid estivese gobernando unha forza política distinta do PP, o presidente da Xunta “xa tería convocado unha gran manifestación contra o recortazo” nos investimentos do Estado, pero “como gobernan os seus” os intereses de Galiza quedan por detrás dos do PP.

Pontón emprazou a Feijó a facer un balance real dos resultados do seu papel de “marioneta” de Rajoy, en particular na negociación dos orzamentos para 2017. “Cinco deputados do PNV valen 4.000 millóns de euros adicionais en investimentos e mellorar a tarifa eléctrica vasca, doce deputados do PP elixidos por Galiza valen un recortazo de 442 millóns de euros en investimentos do Estado e unha peaxes máis caras na AP9”, denunciou.

“A falta de valentía de Feijóo ante Rajoy converten Galiza na última carta da baralla no Estado”, subliñou, “porque ninguén no seu xuízo aceptaría este agravio para o noso país mentres outros territorios acadan unha choiva de millóns en investimentos e non hai límites de gasto”.

En todo caso, o Bloque considera que aínda hai tempo para rectificar e, neste sentido, insta ao presidente da Xunta a apoiar a iniciativa nacionalista que mañá mesmo debate o pleno do Parlamento a favor dunha posición unánime contra a discriminación que recollen os orzamentos do Estado.

“Non tiramos a toalla, e Feijóo ten a oportunidade de demostrar que sinte as cores de Galiza sumándose á proposta do Bloque para vetar os orzamentos do recortazo, porque os galegos e galegas non se merecen un presidente submiso a Rajoy, non se merecen un presidente máis preocupado por tapar a corrupción do seu partido, -como se viu no papelón con Villar Mir-, que en defender os intereses do país”, denunciou.

Pontón tamén lembrou os 3.500 millóns de euros que reservan as contas públicas para o rescate das autoestradas radiais madrileñas, mentres aquí os e as usuarias seguen soportando o servizo deficitario de AUDASA e unhas peaxes que son unha estafa legalizada.

“A última tomadura de pelo”, indicou a dirixente do Bloque, a falta de sinalización nos tramos de obras pola entrada Sur na AP9 que obrigou a centos de persoas que querían usar esa saída a ir ata a saída de Padrón, dar volta e, por riba, obrigados a pagar a peaxe, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG