Ana Pontón explica en Ferrol a proposta do BNG para darlle a Galiza máis recursos económicos

C_AKxedXYAA0POY
Foto do @bngferrol do acto sobre financiamento
  • Un concerto económico aporta 3.500M€ adicionais e mais financiamento para os concellos galegos que reciben 50€ menos ca media estatal
  • Ferrol perde 3,5M € anuais co actual modelo de financiamento

A portavoz nacional, Ana Pontón, explicou o modelo de financiamento autonómico que propón o BNG nun acto aberto á cidadanía celebrado en Ferrol: O concerto económico que, en palabras da dirixente do Bloque, consiste en ter o control e a xestión de todos os recursos de Galiza, -vía impostos ou transferencias-, e facer contas co Estado ao final de cada exercicio aportando á facenda central a cantidade que corresponda.

Con este sistema Galiza disporía de 3.500 millóns de euros adicionais que permitirían acabar cos recortes en servizos públicos e sociais e permitiría ademais “unha autonomía real, única opción para avanzar”, e garantir “unha convivencia entre iguais nun Estado plurinacional”.

O proxecto de orzamentos do Estado en plena negociación, salientou Pontón, é unha nova constatación de ata que punto se necesita un modelo de financiamento xusto “onde o control dos nosos recursos estea ao 100% nas nosas mans para establecer prioridades de investimento e de gasto”.

“É paradoxo, -argumentou-, que o Goberno de Rajoy presente unhas contas absolutamente discriminatorias con Galiza cun recortazo de 442 millóns de euros e que este se produza precisamente cando Montoro anuncia unha recadación record que cifra en 200.963M€, o que implica que imos pagar máis impostos pero recibiremos menos recursos”. “É todo iso sen que o presidente da Xunta mova un dedo”, criticou.

Esa falta de peso político de Feijóo xunto coa súa submisión a Rajoy “sáelle moi cara a Galiza” e contrasta cos beneficios que obteñen outros territorios tanto na negociación lexitima no contexto dos orzamentos do Estado como por contar cun sistema de financiamento propio. “É o caso de Euskadi, que grazas a ter un goberno que exerce como tal e non como marioneta de Madrid, acaba de conseguir 1.400 millóns de euros adicionais”, alegou.

Pontón tamén explicou que o modelo de financiamento que promove o BNG aportaría máis recursos para os concellos galegos que, co sistema actual, reciben 50 euros menos por habitante que a media estatal. “Por que un concello como o de Ferrol ten menos cartos para prestar servizos e atender ás necesidades da súa veciñanza? Isto é o que o Bloque quere cambiar tamén co concerto económico”, indicou. No caso concreto da cidade de Ferrol, o concello deixa de ingresar 3,5 millóns de euros anuais para poder facer investir en mellorar servizos e infraestruturas.

Coas cifras oficiais de 2014, -último exercicio fiscal liquidado-, Galiza aportou ao Estado vía impostos 11.131 M€, mentres este transferiu 7.043M co actual modelo de financiamento. Se tomamos como referencia os criterios de PIB e poboación que se lle aplican a Euskadi, -con concerto económico-, a achega galega ao Estado sería de 630M€, o que deixa un saldo de 3.458 millóns a favor de Galiza.

Estes cartos que agora se perden, “acabarían cos recortes en sanidade, en educación, na lei dependencia e noutros servizos sociais, e non habería necesidade de endebedarnos e soportar a sangría do pago da débeda que nos orzamentos galegos deste ano absorbe 20 euros de cada cen”, indicou Pontón, nun acto no que tamén participou o portavoz municipal, Iván Rivas.

A xestión de todos os recursos daría a Galiza unha “verdadeira autonomía financeira” e, polo tanto, “un verdadeiro autogoberno” para promover o desenvolvemento económico, social e cultural que necesita, “sen condicionantes, nin restricións”, reclamou Pontón.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG