Ana Pontón: “Estamos ante un cambio de ciclo político co avance do BNG e o retroceso do PP”

Ana Pontón
Ana Pontón

Afirma que comezou a “conta atrás” para o Partido popular e o BNG será o protagonista dese cambio político nas próximas eleccións galegas de 2020 para abrir un tempo novo en Galiza

Na comparecencia para valorar os resultados electorais, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón manifestou que “estamos ante un cambio de ciclo político que se vai caracterizar polo avance do Bloque Nacionalista galego e polo retroceso do Partido popular”. A nacionalista explicou que neste novo ciclo, o BNG márcase un claro obxectivo, “abrir un novo tempo político para Galiza e deixar atrás un decenio nefasto para Galiza co empeoramento das condicións de vida e servizos públicos polas políticas do Partido popular”. Estamos seguras e seguros, dixo, que xa “comezou a conta atrás do Partido popular e o BNG será o protagonista cun proxecto sólido e unido para o cambio nas próximas eleccións galegas do 2020”.

O BNG, explicou a nacionalista conseguiu avanzar nas pasadas Eleccións xerais duplicando os seus votos e nas municipais e europeas entrando con forza nas cidades o que  confirmase o avance do Bloque Nacionalista Galego e  o descenso do Partido popular  nas pasadas Eleccións  xerais, nas europeas e “o duro revés” nas municipais.

Máis polo miúdo, Pontón destacou o avance social do BNG. “Duplicamos os votos nas xerais, duplicamos os votos tamén nas europeas e nas eleccións municipais cumprimos cos obxectivos marcados”, entre eles ter presenza en todas as grandes cidades galegas.

Dende o BNG, engadiu marcámonos como reto de futuro “garantir un cambio real en Galiza nas vindeiras eleccións autonómicas e “dar carpetazo a década nefasta do Partido popular e de Feixóo”.

Entre os datos que confirman o avance do BNG, Pontón referiuse aos votos conseguidos nas eleccións europeas pasando de 80.394 no ano 2014 a 171.580 votos nas eleccións celebradas onte. En relación ás municipais destacou o incremento nas cidades dun 22% así como o aumento do número de concelleiros e concelleiras nun 31,6%. “O BNG sigue liderando Pontevedra” entramos en Vigo e Ourense, aumentaron os votos en Santiago de Compostela e seremos decisivos nos gobernos de Ferrol e Lugo onde o BNG pasou de 2 a 5 concelleiros, polo tanto o BNG será clave no futuro goberno da cidade pero tamén da Deputación de Lugo.

Os resultados dan máis peso ao BNG nos gobernos e cogobernos municipais con 14 maiorías absolutas e representando un freo ao PP en moitos concellos.

Finalmente, Pontón, ao igual que fixera onte, tras coñecerse os resultados electorais, agradeceu a todas as persoas que depositaron a súa confianza no BNG  e avanzou que o obxectivo agora é “ensanchar ese caudal de ilusión e esperanza” para que o apoio continúe. Ademais, fixo unha especial mención aos centos de militantes, simpatizantes e persoas que conformaron as candidaturas, polo seu “inmenso traballo” e volveu a “tender a man” a todas aqueles e aquelas  que desexen sumarse ao proxecto común do nacionalismo que representa o Bloque Nacionalista galego.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG