Ana Pontón denuncia que Galiza paga os carburantes máis caros pola subida de impostos de Feixóo

Ana Pontón
Ana Pontón

Multiplicou por catro o imposto do gasóleo e hoxe pagamos o prezo máis alto do Estado, e duplicou a  fiscalidade da gasolina, a terceira máis cara

O BNG propón baixar impostos e romper o oligopolio facilitando a chegada de novas operadoras para baixar os prezos dos carburantes

Galiza asume o custe de ter unha refinería ás portas da cidade da Coruña, pero aínda así os galegos e as galegas pagan máis ca media cada vez que paran nunha estación de servizo, onde o prezo do litro de gasóleo é o máis alto do Estado e o da gasolina o terceiro máis elevado, só superado por Asturias e Baleares.

A portavoz nacional, Ana Pontón, responsabilizou ao presidente da Xunta desta situación non só polo feito de que o seu decreto de 2015 para instalación de novas gasolineiras foi “un fiasco”, senón porque desde 2014 aplicou unha subida de impostos sobre os carburantes no tramo autonómico que multiplicou por catro a taxa impositiva que se aplica ao gasóleo e duplicou a da gasolina. Así, no primeiro caso pasou de 1,2 céntimos por litro a 4,8 céntimos; e no segundo, de 2,4 a 4,8 céntimos litro.

“Temos os carburantes máis caros nun país cos salarios máis baixos e sufrimos os impactos ambientais de ter unha refinería en plena cidade da Coruña sen beneficios nin compensacións”, salientou Pontón, “e nesta situación ten moito que ver as decisións políticas de Feixóo, porque subiu os impostos aos carburantes ao máximo permitido por lei, de non ser así, teriamos o gasóleo 4 céntimos máis barato e a gasolina case 2 céntimos menos por litro”.

Para o BNG, esta situación lastra tanto a economía familiar como a competitividade empresarial,  -ao que se suma á estafa legalizada das peaxes-,  polo que propón medidas “estruturais” que reduzan o prezo dos carburantes, empezando por romper a situación de oligopolio que, de facto, fai que un pequeno grupo de distribuidoras pacten prezos á alza.

Entre as propostas nacionalistas, “unha aposta por novas distribuidoras que permitan a diversificación de empresas onde o criterio de competencia sexa determinante nas licitacións para que entren novas operadoras no mercado, que non vaian ligadas ás áreas comerciais porque provocaría outros problemas de competencia desleal co pequeno comercio”, alegou Pontón.

A segunda proposta é “rebaixar a carga impositiva, volvendo aos tipos que había antes de 2013”, subliñou a portavoz do BNG, quen advertiu da intención do Goberno central de invadir competencias autonómicas para impoñer unha “harmonización á alza” nos impostos que as Comunidades establecen aos carburantes. “A volta aos tipos anteriores á suba impulsada por Feijóo sacaría a Galiza do podio das CCAA peninsulares con maiores prezos en gasóleo e gasolina”, recalcou,  "só fai falta vontade política".

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG