Imprimir

Ana Pontón critica a “improvisación” de Feixóo na xestión das residencias de maiores

BNG - Bloque Nacionalista Galego | 18 de maio de 2020

Ana Pontón
Ana Pontón
Apela a un modelo de rescate para a xestión pública das residencias, investigar a xestión do goberno  durante estes dous meses nos centros,   garantir material de protección e “un protocolo claro” sobre o seu desconfinamento

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, critica ao  Goberno galego por non  “anticiparse” para  xestionar a situación das residencias de maiores  con  máis de 20.000 persoas usuarias  e a mitade de falecementos pola COVID-19 ao longo destes dous meses.  Asegura que estes datos, constatan que “algo se fixo mal”.

Para Pontón, o goberno mostrou “improvisación” na xestión das residencias e Feixóo agora dá unha  nova mostra desa improvisación cando “en  menos de 48 horas  di unha cousa e a contraria”. Primeiro, Feixóo  anuncia visitas ás residencias de maiores a partir do luns 18, sabendo que non se permiten nesta fase pola normativa vixente e despois cancela as visitas botádonlle a culpa ao goberno central.

Desde o BNG, dixo, discrepamos da xestión da  crise desde Madrid, pero neste caso, o goberno central non cambiou de criterio e en ningún momento estableceu poder facer  visitas na fase 1, todo o contrario. Sen embargo, Feixóo  fixo un anuncio de “maneira oportunista” a pesar de saber que non era posible. “En política non todo vale”, e moito menos en período de pandemia co grande sufrimento que leva ocasionado esta crise.

O día  16 de maio, o BOE  publica a normativa de 'ámbito estatal' para o acceso de familias a centros residenciais de persoas maiores , centros residenciais  de persoas con discapacidade e  vivendas tuteladas, a partir da Fase 2, a partir del 25 de maio. A normativa sinala que no caso das residencias de  maiores, "las visitas se realizarán preferentemente en supuestos  excepcionales, tales como el final de la vida o el alivio de descompensación neurocognitiva del residente y que, en todo caso, non se permitirá o  acceso a residencias "en los que haya casos confirmados de COVID-19, o en los que algún residente se encuentre en período de cuarentena por haber tenido contacto estrecho con alguna persona con síntomas o diagnosticada de COVID-19".

Feixóo fai electoralismo coas familias das persoas residentes

O protocolo anunciado o xoves por Feijóo, abonda Pontón,  non forma parte dos acordos do Consello da Xunta nin foi publicado no DOG. Unha vez máis,  vemos como Feixóo utiliza a dor das familias  para facer “electoralismo e  actuando de xeito irresponsábel”. A portavoz do BNG anunciou que pedirá explicacións no Parlamento de Galiza sobre unha  actuación que cualifica de   “impresentábel, ética e humanamente”. Feixóo  non pode xogar coa vida das persoas para facer electoralismo, debe “abrir unha  investigación sobre o que sucedeu nas residencia e elaborar  un protocolo claro que  permita preparar o seu  desconfinamento” .

Na actualidade, lembrou Pontón , existen 223 residencias das que só 24 son de xestión pública. Nestes últimos 11 anos o goberno galego non construíu ningunha residencia pública a pesar de que Feijóo leva anos prometendo construír unha  en cada unha das sete grandes cidades, poro  “non se fixo nin unha soa nova residencia, nin unha soa nova praza pública en residencias”, recalcou.

 “O modelo privatizador de Feixóo fracasou”. Hai que abandonar o modelo de mercantilizar o dereito a unha vez digna e o BNG seguirá reclamando o rescate do coidado das persoas maiores para o sector público, co mesmo criterio que rexe para a  sanidade e no ensino.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/ana-ponton-critica-improvisacion-feixoo-xestion-das-residencias-maiores/20200518145517027042.html


© 2020 BNG - Bloque Nacionalista Galego

Bloque Nacionalista Galego
Avda. Rodríguez de Viguri, 16 baixo
15703 Santiago de Compostela
GALIZA
CIF: G32014003
Correo: [email protected]
Teléfono: 981555850

facebook twitter youtube whatsapp telegram instagram flickr