Galegas 2020

Ana Pontón converterá o acceso á vivenda nunha prioridade de goberno

Vivenda
Vivenda
Avanza un plan para mobilizar 4.000 pisos baleiros en alugueiro

“Onde están as 10.000 vivendas en alugueiro prometidas por Feixóo na campaña electoral de 2016?”, interpela a líder do BNG

Hai que acabar coa “tormenta perfecta” de prezos altos, baixos salarios, escasa oferta e caída dos investimentos públicos no acceso á vivenda

A portavoz nacional e candidata á Presidencia, Ana Pontón, converterá en prioridade do goberno recuperar unha política social de vivenda e dar solucións a unha das cuestións que máis preocupa á cidadanía, en particular á xente nova, nun contexto de incremento dos prezos e de escaseza na oferta, sobre todo nas grandes cidades.

“O próximo goberno que aspiramos a liderar terá o compromiso claro de facer unha aposta por garantir o acceso a unha vivenda, moi especialmente dunha mocidade que quere emanciparse e non pode pola combinación de prezos altos e salarios baixos que impiden desenvolver os seus proxectos de vida”, sintetizou.

Con ese obxectivo, Pontón avanzou que o BNG activará un plan para mobilizar na próxima lexislatura 4.000 pisos baleiros en alugueiro a prezos razoables tendo en conta o nivel de salarios do país. Galiza ten 300.000 vivendas baleiras e o obxectivo, explicou, é comenzar por mobilizar ás que están en mans de grandes propietarios como fondos voitre, da banca ou das sociedades mercantís que especulan con este ben (SOCIMIS). Finalmente, tamén vivenda baleira de particulares con toda as garantías.

“Son necesarias medidas fiscais, tanto de penalización como de incentivo para mobilizar inmobles baleiros e tamén para controlar e desincentivar a especulación. Igualmente, apostaremos pola promoción pública e pola rehabilitación”, destacou Pontón.

A líder nacionalista elixiu as vivendas de Belvís, en pleno corazón de Compostela, para facer este anunciou, por ser estas as últimas de promoción pública ofertadas en alugueiro na cidade, -unha das que máis sofre o incremento de prezos-, e que foron desenvolvidas precisamente polo Bloque desde o Goberno da Xunta.

O compromiso da candidata é volver colocar a política social de vivenda como prioridade, tras unha década de abandono e fracaso do Executivo de Feixóo.

“Aí está o resultado: incumprimento das promesas, fracaso das medidas propagandísticas e incompetencia nesta materia”, denunciou, de tal xeito que desde 2015 apenas unha vintena de vivendas se desenvolveron ao amparo dos programas de promoción pública. Neste sentido, Pontón lembrou a promesa electoral anunciada a todo bombo polo candidato do PP na pasada campaña.

“A pregunta que lle fago ao candidato Feixóo é que foi da súa promesa, onde están esas 10.000 vivendas rehabilitadas en 40 cascos históricos para alugueiro supostamente destinadas para a xente moza que prometeu en 2016? A hemeroteca e os datos deixan claro que as promesas e a palabra do candidato Feixóo non teñen valor ningún”, sentenciou.

A líder do BNG considera especialmente grave a incompetencia e o desinterese demostra polo Goberno do PP neste asunto, máxime nun momento de “tormenta perfecta” no acceso á vivenda.

Emanciparse, misión imposible para 310.000 moz@s 

Así, a oferta de vivendas en alugueiro caeu un 60% en dous anos ao tempo que se produciu un trasbase cara o arrendamento turístico; os prezos do alugueiro subiron de media un 30% nas grandes cidades, ao que se suma unha drástica redución dos investimentos en política social de vivenda. “A Xunta púxose do lado das empresas da construción e abandono á cidadanía nun dereito fundamental”, denuncio Pontón.

A esta situación que empeza a ser de “alarma social” súmase un contexto de salarios baixos e precariedade no emprego que resta nivel de renda, “de tal xeito que para moitas persoas, sobre todo xente moza, acceder a unha vivenda é misión imposible”. De feito, hai 310.000 mozos e mozas que viven cos país e nais pese a que lles gustaría emanciparse.

Bolsa de vivendas para casos de emerxencia

Entre as propostas que tamén incluirá o programa electoral: a creación dunha bolsa de vivendas destinadas a atender situacións de emerxencia habitacional, como desafiuzamentos ou vítimas de violencia machista. Igualmente, un programa específico de vivendas en alugueiro para menores de 35 anos, crear un fondo extraordinario de 100 M€ para compensar a redución orzamentaria dos últimos anos e duplicar o investimento en vivenda nos orzamentos da Xunta.

Urxe tamén, demandar do goberno do estado a supresión de toda a normativa que favorece a especulación arredor da vivenda, nomeadamente a lexislaciónn sobre Sociedades de investimento no mercado inmobiliario (SOCIMIS).

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG