Galegas 2016

Ana Pontón: “O BNG quere abrir un tempo novo para a cultura e deixar atrás a invernía destes últimos anos”

Encontro coa cultura en Redondela
Encontro coa cultura en Redondela
  • A candidata á presidencia da Xunta asegurou que o BNG recuperará a Consellería de Cultura como medida de apoio ao sector
  • O cabeza de lista de Pontevedra subliñou a necesidade dunha “cultura viva na que a xente sexa protagonista”

A candidata do BNG á presidencia da Xunta, Ana Pontón, asegurou hoxe en Redondela que o BNG quere abrir un tempo novo para a cultura deixando atrás a “invernía” cultural destes últimos anos. Así o manifestou nun encontro con representantes do mundo da cultura, no que estiveron membros de entidades culturais como Tanxarina, Alen Nós, Radio Polorri, Anaquiños, Xente Titiriteira, Grupo de Teatro de Chapela, Coral do Piñeiral do Crego e a nivel particular Lolo Nantes, Alberto Vilas e Suso Ben, entre outros.

“Somos un país con lingua e cultura propia e imos estimular e apoiar a cultura porque é unha ferramenta esencial para a cohesión social e o fortalecemento da nosa identidade nacional”, dixo. Neste sentido, destacou que o BNG recuperará a Consellería de Cultura para darlle o apoio que necesitan os sectores culturais e poñer en marcha medidas de apoio no campo das artes escénicas. “A partir do 25 vai haber máis que un cambio de cara ou de persoas, vai haber un cambio de políticas co BNG á fronte. Certamente demostramos que os galegos e as galegas temos capacidade e potencial, e que a pesares de haber un plan para desmantelar a cultura deste país, hai moita xente que está por construír cultura e por facer que a cultura sexa un elemento de benestar e democracia”, subliñou.

Pola súa banda o cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, subliñou hoxe en Cambados que o BNG aposta por “unha cultura viva e participativa na que a xente sexa protagonista e non só espectadora. Queremos garantir a nosa capacidade para producir discurso cultural dende nós mesmos”, asegurou.

Encontro coa cultura en RedondelaComo punto central da súa intervención, Bará indicou que a cultura precisa dun plan de desenvolvemento e promoción integral que contemple todos os ámbitos por parte do Goberno galego. Subliñou que é básico o apoio á creación, ás empresas e a todo o tecido asociativo cultural que hai no país, do que dixo que é “moi vivo, traballa moito e precisa máis apoio oficial”. Tamén destacou que é necesario mellorar as estruturas e os equipamentos, colaborar cos concellos e coas deputacións para dinamizar os circuítos e as programacións, e apoiar os eventos culturais de forma global.

O cabeza de lista, así mesmo, sinalou que cultura galega é un sector estratéxico polo que hai que apostar para que sexa un maior dinamizador económico e de xeración de emprego no país, xa que a pesares de xerar o 3% do traballo en Galiza “pode chegar a máis”, formando parte das redes e dos circuítos internacionais. “O país é unha potencia. A cultura galega triunfa cando sae fóra, e iso é garantía de que pode chegar a todos os públicos e a todos os continentes e de que pode crear máis emprego e de máis calidade”, insistiu Bará.

Bará lembrou, ao igual que fixera Pontón, que a pesares de políticas contrarias aos seus intereses por parte das administracións galega e estatal, foron bastantes as industrias culturais en Galiza e Pontevedra que “puideron construír proxectos, ter éxito e levar premios, sendo un orgullo para o país”. “Temos que apostar pola nosa enerxía, creatividade e talento, porque na realidade somos un referente no mundo cultural levando premios e recoñecementos fóra do noso territorio”, salientou.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG