Galegas 2016

Ana Pontón: "O BNG porá en marcha a Lei galega da Memoria histórica"

No acto organizado polo BNG na cidade de Pontevedra en conmemoración do Día da Galiza Mártir, a candidata á presidencia da Xunta, Ana Pontón nomeu parte da longa listaxe de persoas asasinadas no ano 36 entre os que destacou a Alexandre Bóveda,  Amancio Caamaño, Elvira Lodeiro, Urbano Rodríguez Moledo, Consuelo Alonso, Xesús Vilariño que “perderon a súa vida por defender a liberdade e a democracia en Galiza” e reivindicou o recoñecemento "por Lei" do día 17 como Día da Galiza Mártir.

A candidata do BNG á presidencia da Xunta de Galiza , Ana Pontón afirmou hoxe, nos actos celebrados en Pontevedra en homenaxe aos homes e mulleres asasinados no ano 36 polo franquismo que o BNG está comprometido  coas políticas da recuperación da Memoria histórica para “facer xustiza e acabar coa lousa do silencio”. Neste sentido, avanzou que o BNG comprometese a poñer en marcha a elaboración dunha “  lei galega da recuperación da Memoria histórica, o recoñecemento das vítimas e a reparación das persoas represaliadas polo franquismo”.

A candidata asegurou que resulta urxente un novo “estatus político para Galiza” e nese rexurdir, recalcou, sempre estará o nacionalismo que impulsou, no pasado e no presente os procesos de modernización e loita pola democracia  e defensa dos intereses e dereitos do noso país.

A nacionalista reivindicou recoñecer “por lei”  o día 17 de agosto, “Día da Galiza Mártir” como símbolo do noso país, ao que sumou “unha conmemoración e recoñecemento da illa de San Simón como un lugar da memoria ou a recuperación do Pazo de Meirás para uso público”.

Luís Bará: “Son precisos espazos públicos para a Memoria da represión e da resistencia”

O cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra, Luís Bará defendeu a creación dun Arquivo Público da Memoria da represión e da resistencia a partir dos materias recollidos no proxecto Nomes e voces así como recuperar o “Consello pola Memoria” como órgano de participación social no impulso e seguimento das políticas públicas da memoria”.

Por un cambio político real o vindeiro 25 de setembro

Ante a celebración das eleccións galegas, a candidata do BNG convocou a todos os galegos e galegas que lle doe, dixo, ver como a xente emigra e  temos os salarios máis baixos a pesar de traballar máis, e animounos a apostar  por un cambio  “político de verdade”. Cremos, manifestou que non é o momento da xestión, é o momento da política con “maiúsculas, a de verdade” e que resulta necesario “mover os marcos” para crear emprego, blindar os servizos públicos como a sanidade, a educación ou a dependencia.

O BNG tende a man ás persoas desencantadas para o cambio político o 25 de setembro

A candidata nacionalista reiterou que o BNG representa un  proxecto “sólido,definido e con alternativas na que todos os galegos e galegas poden confiar” e con persoas que nos revelamos contra as leis inxustas como se revelou o concello de Pontevedra contra os recortes que se impuñan aos traballadores e traballadoras públicos.

“Hai moitas persoas desencantadas e a esas persoas o BNG téndelles a man para abrir un nova etapa política para Galiza”. Persoas, explicou, desencantadas da política de sempre e das falsas promesas que nunca se cumpren, así como de ver como os que lle prometían cambio “o único que están pensando é nos seus intereses e estratexias”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG