Ana Pontón: "O Blue Star confirma a indefensión da costa galega"

Ana Pontón
Ana Pontón
A portavoz nacional do BNG pide a transferencia de seguridade marítima

O accidente do quimiqueiro Blue Star constata a indefensión da costa galega 17 anos despois do Prestige, durante os que o Goberno do Estado non tomou nota para evitar unha catástrofe similar, e pon de manifesto a necesidade de que Galiza teña as competencias en seguridade marítima e protección do litoral, “porque ninguén mellor que nós para protexelo”, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón.

“Non se pode seguir gobernando  a nosa costa a 600 quilómetros mar a dentro”, sentenciou a líder nacionalista.

Tras a castástrofe do Prestige, argumentou, non se tomaron medidas para evitar un accidente similar e, por contra, se adoptaron decisións “cuestionables” como a de converter a Ría de  Ares nunha zona para fondear os buques sen ter medios para loitar contra a contaminación. O  BNG tamén constata os problemas de ter privatizado os medios de rescate, como proba o feito de que non fose posible remolcar o quimiqueiro tras varios intentos, o que levou á armadora a contratar os servizos dunha compañía privada.

“Esa decisión deixa en moi mal lugar a dotación do servizo de salvamento marítimo por parte do Estado”, denuncia Pontón, quen critica a falta de “dilixencia” por parte do Estado ante un caso de posible contaminación ambiental. “No se puxeron en marcha medidas de contención, e nun primeiro momento nin sequera se lle esixiu á armadora que baleirase o barco de combustible pese a ter 45 toneladas de fuel e 60 de gasóleo con risco evidente para a nosa costa”, lamentou.

Para Pontón, o Blue Star supón un novo  “exercicio de incompetencia por parte do Estado español que, 17 anos despois do Prestige, mantén o litoral galego na desprotección e por iso reclamamos a competencia e lamentamos que fai poucos meses o PP fose un freo para o inicio desa transferencia e a Feixóo lle debemos que este asunto non estea hoxe a debate no Congreso tras ter optado por manter un sistema que non funciona ignorando as necesidades de protección do litoral deste país”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG