Xerais 2019

Ana Pontón: "O avance do BNG é claro e imos poñernos a traballar desde xa nas eleccións Municipais e Europeas"

Ana Pontón
Ana Pontón

Destaca "a remontada" tras duplicar voto este 28A, do que sae un Bloque "máis forte" que se verá con toda potencia nos vindeiros comicios locais

Valora moi positivo que non haxa maiorías absolutas, que o bloque da dereita non sume e o avance doutras forzas nacionalistas

A portavoz nacional, Ana Pontón, salientou que o BNG sae fortalecido tras duplicar votos nas eleccións do 28A, pois confirma a remotada e o cambio de ciclo electoral en positivo que xa iniciara esta formación nas eleccións galegas de 2016. Pese a non ter logrado o obxectivo de ter escano en Madrid, Pontón subliña o avance electoral do Bloque que, indicou, será aínda máis forte nas eleccións do 26M nas que a formación que lidera empezará a traballar de inmediato. 

"Destas eleccións sae un BNG máis forte que lle tende a man a todas as persoas que levan Galiza na cabeza e no corazón, o avance do BNG é claro, estamos en remontada e imos poñernos traballar xa para as eleccións municipais do 26M", proclamou acampañada por toda a executiva nacional.

"Duplicamos votos nun contexto moi polarizado, no medio dun debate presidencialista de ámbito estatal no que Galiza quedou diluída, pero mesmo neste contexto fomos capaces de multiplicar por dous os resultados", destacou, "o que confirma que estamos nun cambio de ciclo electoral nas eleccións galegas, segue na remontada destas eleccións e verase con toda potencia nos comicios locais", explicou.

Unha cita electoral na que "o BNG vai ser determinante para poñer fin á hexemonía política do PP e do decenio negro de Feixóo".

Pontón destacou que o obxectivo de recuperar voz propia "non foi posible, aínda que non quedamos lonxe", entre outras cuestións porque xogou en contra a polarización na campaña e a apelación ao voto útil. Pero igualmente, valorou "o mérito de duplicar voto en tres anos e de sumar a moitas persoas a este proxecto que volven mirar ao BNG como a súa alternativa. Devolvémoslle a ilusión a moitos electores de volver votar a unha forza política propia", subliñou.

De cara ao futuro, Pontón recalcou que a formación que lidera seguirá  traballando "con humildade, pero con máis ganas e con máis forza porque este proxecto está en remontada e nas próximas eleccións muncipais imos ver o gran avance do nacionalismo".

ExecutivaDeclarou que o Bloque "comparte a sensación de alivio con moitos galegos e galegas e tamén con moitas persoas do resto do Estado por conseguir que o a dereita non teña opcións de goberno. Pero tamén sabemos que este país vai seguir necesitando un BNG forte para defender Galiza e, desde a humildade, imos seguir traballando coa man tendida".

Felicitou as forzas nacionalistas doutros territorios  "que van seguir sendo decisivas no ámbito estatal", e tamén valorou como moi positivo "que non haxa maiorías", porque iso significou sempre máis dereitos sociais e máis liberdades para toda a cidadanía.

Ponton rematou esta noite electoral igual que a empezou, apelando a mirar o futuro con esperanza. "Sorrir e mirar ao futuro con ilusión e esperanza, porque aínda que non conseguíramos todos os nosos obxectivos o BNG está en remontada clara e imos dar o mellor de nós nas eleccións municipais para que Galiza siga avanzando da man do BNG para construír unha Galiza mellor".

A líder do Bloque fixo un agradecemento expreso a todas as persoas, -máis de 90.000-, que colleron a papeleta do BNG: "O seu voto ten un gran valor para o futuro deste país porque é un voto a favor de Galiza, para que existamos politicamente nun Estado que xa vimos que trato lle da a este país,  un voto en defensa dos dereitos e das liberdades e contra a involución da extrema dereita antigalega".

Igualmente, palabras de agradecemento para a militancia e simpatizantes " tras unha campaña entusiasta que lle devolvou a ilusión a moita xente por votar e temos que estar orgullosas do traballo feito", concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG