Ana Pontón aposta polo reequilibrio territorial para que Ourense desenvolva o potencial agrario e turístico

Ana Pontón en Ourense
Ana Pontón en Ourense

Afirma que a precariedade laboral non constrúe futuro e anima a aproveitar o 28 de abril para que os deputados e deputadas do BNG podan reclamar no Congreso a “derrogación das contrarreformas laborais”

Tras un encontro con delegados e delegadas da CIG Industria, ao que tamén asistiron traballadores e traballadoras deste sector en Ourense, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón afirmou que “a precariedade laboral non  constrúe futuro” e apostou por crear emprego de calidade contra as políticas fracasadas do Partido popular nunha provincia en claro “declive demográfico” ao que sumou a emigración de un gran número de mozos e mozas.

A provincia de Ourense, durante a década negra de Feixóo, explicou a líder do BNG, reflicte un balance de emprego con 12.000 persoas ocupadas menos e só 1/3 da poboación que vive en Ourense ten emprego. Estas dúas circunstancias explican, dixo, “o declive demográfico”. Outro dos factores contrarios ao desenvolvemento económico é a precariedade laboral provocada polas diferentes contrarreformas postas en marcha durante a crise, primeiro, polo Partido socialista e despois, polo Partido popular. O roubo de dereitos, sentenciou Pontón, impide crear postos de traballo con calidade en Galiza.

Nesta liña, a nacionalista mostrou a súa “decepción” por unha  lexislatura no Estado que discriminou a Galiza. A pesar de non contar cunha maioría da dereita, “a esquerda española foi incapaz de aprobar  unha nova normativa laboral para derrogar as contrarreformas”, e avanzou que para o BNG será “unha cuestión prioritaria”  defender na vindeira lexislatura no Congreso, un novo marco que “nos devolva os dereitos laborais e salariais que nos foron roubados”.

O 28 DE ABRIL GALIZA TEN A OPORTUNIDADE DE TER VOZ PROPIA NO CONGRESO

A portavoz nacional do BNG reiterou que o 28 de Abril, as eleccións xerais ofrecen unha oportunidade para recuperar “a voz no Congreso”. Nós, afirmou Pontón, comprometémonos a defender os intereses de Galiza “sen ataduras” e o primeiro que imos facer é pedir que sexan derrogadas as contrarreformas laborais.

COLOCAR OURENSE NO MAPA

Pola súa parte, o candidato do BNG á alcaldía de Ourense, Luís Seara, tras criticar o “inmobilismo” do actual concello, avanzou que o BNG centrará os seus esforzos no ámbito laboral co desenvolvemento do Plan de Emprego, aprobado e participado por todos os axentes económicos da cidade e do cal, dixo, non foi posta en marcha ningunha medida.

Para o BNG é necesario potenciar o termalismo e a  industria agro-alimentaria, coa consolidación dunha  grande feira de produtos ecolóxicos e de calidade co fin de  crear “novos nichos de emprego” e canles de comercialización así como a posta en valor das terras que hoxe están a monte.

Seara dedicou especial atención á industria cultural e salientou a  importancia de contar cunha lingua que se fala en cinco continentes, esta circunstancia, dixo, abre grandes posibilidades para desenvolver unha oferta turística cultural para que  Ourense sexa “un referente no estado”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG