Ana Pontón alerta contra Salvar a Semana Santa e propón reforzar a sanidade, vacinación e un plan para doenzas non COVID

Ana Pontón
Ana Pontón

Urxe ao PP a sacar da parálise á Comisión de reactivación económica e social para que o Parlamento aporte alternativas para saír da crise

Critica que Feixóo xustifique á responsable de DomusVi cando debería pedir desculpas, abrir unha investigación e dirimir responsabilidades

A portavoz nacional, Ana Pontón, fixo fincapé en que os datos da terceira onda continúan en cifras alarmantes, polo que insta a non baixar a garda nin a caer na precipitación ante unha pandemia lonxe de estar controlada.  “Foi un tremendo erro de Feixóo marcarse como obxectivo salvar o Nadal, e agardemos que agora non nos digan que o obxectivo é salvar a Semana Santa. O obxectivo é salvar vidas, sabendo ademais que é a mellor fórmula para salvar a economía”, explicou.

Para controlar o virus, subliñou, Pontón incidiu na urxencia de reforzar o sistema sanitario e na vacinación e, en paralelo, traballar no ámbito das medidas que permitan a reactivación económica e social.

No primeiro aspecto, a líder nacionalista puxo sobre a mesa tres cuestións: reforzar a atención primaria e hospitalaria, definir un plan de continxencia para atender ás persoas con doenzas non COVID, -“porque precisamos un sistema capaz de atender o urxente pero tamén  o importante”-, e un plan de vacinación porque na vacina está a esperanza de derrotar ao virus.

“O persoal está exhausto, dobrando ou triplicando quendas e o que podería ser comprensible na primeira onda é intolerábel que suceda un ano despois sen que o Goberno de Feixóo tomase as medidas necesarias”, alegou Pontón. Por iso, o BNG insiste en dotar con 200 M€ adicionais a atención primaria e en reforzar medios humanos en todas as áreas hospitalarias.

En relación ao plan de continxencia, puxo o foco na saúde da poboación máis aló da pandemia, en doenzas cardiovasculares, oncolóxicas, saúde mental, intervencións cirúrxicas, probas diagnósticas e listas de espera que non deixan de medrar. “Os profesionais levan meses advertindo do deterioro da saúde da poboación e hai que tomar medidas”, indicou a líder do Bloque.

Pontón volveu demandar o plan de vacinación e tilda de inaudito que o Goberno do PP siga sen presentalo no Parlamento limitándose “a un baile de cifras para encher titulares”. Medios, persoal contratado, a estratexia e a loxística de vacinación de toda a poboación son cuestións sen resposta. “Sabemos que é a vacinación é unha cuestión moi complexa e por iso non hai lugar á improvisación”, recalcou.

En relación ás consecuencias económicas da crise, a portavoz do BNG denunciou a parálise da Comisión parlamentaria de reactivación por parte do PP que, incumprindo os prazos previstos, ten pendente convocar o trámite para redactar o informe conclusivo.

“O compromiso era ter as conclusións a final de xaneiro pero o PP nin convocou a ponencia que debe redactar as conclusións e pedimos que o faga de inmediato para que o Parlamento formule as súas propostas para a reactivación económica e social que Galiza precisa”, indicou Pontón, advertindo a un Partido Popular “especialista en gardar nun caixón as comisións” que o Bloque non vai permitir que iso sucede cando se trata de afrontar as consecuencias dunha pandemia.

Abrir unha investigación

A pregunta dos medios, a líder nacionalista foi moit crítica coa reacción do Goberno de Feixóo tras coñecerse que a conselleira delegada de DomusVi, Josefina Fernández, se saltou xunto a cola para vacinarse.

“Que a responsable de DomusVi se salte a cola reflexa a catadura moral de quen o fai, pero máis aló da responsabilidade individual, a reacción do presidente da Xunta é unha desfachatez política e unha labazada na cara de todos e todas as profesionais que seguen loitando contra a COVID en primeira liña e aínda non recibiron  a vacina. O mínimo que debe facer Feixóo é desculparse con ese persoal, abrir unha investigación e dirimir responsabilidades”, salientou Pontón.

A portavoz nacional subliñou que as residencias foron a zona cero da pandemia, entres elas moitas das que DomusVi ten en Galiza, demostrando até que punto é un fracaso á hora de coidar das persoas maiores un modelo de residencias privatizado que fai da vellez un negocio, modelo que defende o PP.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG