Ana Pontón advirte a Feixóo do risco dun desconfinamento acelerado

Ana Pontón
Ana Pontón

A portavoz nacional do BNG parabeniza á cidadanía polo esforzo que permite a Galiza entrar na Fase 1

“A meta é recuperar a normalidade, pero a desescalada non é un sprint senón unha carreira de fondo que require cautela para evitar volver á casilla de saída”, alega

O BNG pide á Xunta para esta fase reforzar a atención primaria con 200 millóns de euros, plan de rastreo con persoal específico e reparto de máscaras de xeito gratuíto e masivo

A portavoz nacional, Ana Pontón, felicitou ao conxunto da sociedade polo impecable exercicio de responsabilidade e polo esforzo realizado nestas semanas de confinamento que permiten a Galiza entrar na fase1. “Os galegos e as galegas fomos un exemplo de civismo, de capacidade de resistencia e de responsabilidade e quero amosar o meu orgullo ”, salientou a líder nacionalista.

Precisamente para non botar ao lixo ese esforzo colectivo, a dirixente do BNG pide afrontar a desescalada seguindo os principios de prudencia e de cautela ante un presidente da Xunta empeñado nunha “carreira” que pode levarnos “á casilla de saída”. “É unha fase de enorme fraxilidade porque o virus non está derrotado senón que segue entre nós con risco de contaxio e hai que evitar erros que nos fagan dar pasos atrás”, explicou Pontón, que ve con preocupación a actitude dun Feixóo que aínda ben non arranca a fase1, sen saber cal vai ser a evolución, xa está pedindo “celeridade” para entrar na seguinte fase.

“Non se trata dunha competición a ver quen gana, senón dun proceso que require prudencia e a máxima cautela, porque todos e todas queremos recuperar a normalidade canto antes pero a desescalada non é un sprint, é unha carreira de fondo na que é importantisimo dosificar ben as forzas, acertar coas medidas, acertar coas propostas que se poñen en marcha e acertar cos tempos para chegar con éxito á meta que queremos alcanzar: superar a pandemia, ganarlle a batalla ao coronavirus e poder recuperar as nosas vidas”, argumentou Pontón.

Con este obxectivo, a líder do Bloque denuncia que Feixóo “ten os deberes sen facer” en cuestións que considera clave para avanzar con pé firma. En concreto, urxe reforzar a atención primaria, un protocolo de uso das máscaras e un plan de rastreo do virus con persoal específico.

“Feixóo non presentou nin unha soa medida para reforzar a atención primaria pese a que vai ser clave nesta fase de desconfinamento e se hai tres meses precisaba con urxencia máis persoal e máis medios, como vai estar agora cando ao traballo ordinario se lle suma a loita contra a pandemia? Cando se pretende que sexan os centros de atención primaria os que se encarguen de detectar os contaxios do virus nesta nova fase'”, interpelaba Pontón. A proposta do Bloque é clara: dotar á atención primaria con 200 millóns de euros adicionais que permita dotala de máis medios humanos e técnicos.

En relación ás medidas que dificultan o contaxio agora que se recupera progresivamente a mobilidade, a nacionalista reprocha ao presidente da Xunta “que siga mirando para outro lado” en relación ao uso das máscaras sen que o executivo galego teña fixado un protocolo de uso que, a xuízo do BNG, debe ser obrigatorio e, para iso, debe haber un reparto masivo e gratuíto de máscaras entre a cidadanía. “Senón se fai así, a poboación estará correndo un risco evitable”, salienta.

Evitar un contaxio masivo na desescalada

Tamén considera clave a posta en marcha dun plan de rastreo do virus contratando persoal específico e preparado para facelo, unha cuestión fundamental tendo en conta que todo apunta a que o virus circulou pouco por Galiza. “Iso ten a boa nova de que o número de afectados foi menor que noutros territorios, pero tamén ten un aspecto preocupante que hai que ter en conta, que a maior parte da poboación somos susceptible de contaxio e hai que facer todo o posible para evitalo”, indica Pontón.

Tamén no aspecto económico, o Bloque pide compromiso ao Executivo do PP, por exemplo en relación ao colectivo de 210.000 traballadores e traballadoras por conta propia, especialmente afectado nesta crise, “pero que non reciben nin un euro do Goberno da Xunta, mentres que ese colectivo si ten axudas directas dos seus gobernos en Euskadi, Cataluña ou Valencia”. O BNG propón unha subvención directa de até 2.000 euros para axudar ás persoas autónomas.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG