Ana Pontón acusa a Feixóo de usar a súa maioría para executar unha voadura programada dos servizos públicos

Denuncia o “malestar social crecente” que a cidadanía expresa con manifestacións masivas e folgas indefinidas e pídelle que abandone a “prepotencia” e negocie co sector da Sanidade e da Xustiza

A portavoz nacional, Ana Pontón, acusou ao presidente da Xunta de parapetarse detrás da súa maioría para levar a cabo o desmantelamento dos servizos públicos, ignorando aos milleiros de galeg@s que claman contra as políticas de recortes e privatizacións do Executivo de Feixóo, que hoxe teñen aos funcionarios e funcionarias da Xustiza en folga indefinida, que o luns provocaron protestas en defensa das pensións ou que o domingo encheron as rúas cunha manifestación multitudinaria en defensa da sanidade pública.

“Está usando a súa maioría como patente de corso para xustificar a voadura programada dos servizos públicos”, denunciou Pontón na sesión de control, “pero os galegos e as galegas están fartas como reflexa unha onda de malestar social cada vez máis grande, que é a maneira en que lle están dicindo na rúa que vostede forma parte do problema, cando debería ser parte da solución”.

Unha protesta da cidadanía que Feixóo ignora e, lonxe de poñer en marcha unha axenda a favor de Galiza, “o que ten é unha axenda en contra de Galiza que executa desde a soberbia e desde a prepotencia”. Só iso explica que, tras a manifestación en defensa da sanidade, a resposta do presidente da Xunta fose “pisar o acelerador da súa contrarreforma sanitaria que suporá máis recortes, listas de espera e privatizacións”.

“Porque vostede, xa o dixo o señor Pedro Puy, non goberna a golpe de manifestantes, prefire gobernar a golpe de reunións clandestinas coa patronal da sanidade privada”, denunciou, “Aos señores do PP non lles preocupan as listas de espera porque vostedes van á privada”, criticou lembran o peche de 800 camas, a perda de 2.000 profesionais da sanidade ou o recorte de 2.000 millóns de euros na atención primaria desde 2009.

Igual que ignora as demandas dos e das traballadores da Xustiza que hoxe arrancaron unha folga indefinida. “A súa reacción: dinamitar a mesa de negociación”, lamentou Pontón. Malestar social ao que tamén se suman os e as pensionistas, “e non chega agora con laiarse porque Montoro non o premia pese a ser o campión dos recortes e pese a renunciar a que Galiza tivese máis cartos a través do Fondo de Liquidez Autonómico, do que si se beneficiaron outros territorios”.

Sanidade, Xustiza, Pensións

Neste contexto de malestar social crecente pola política de acoso e derribo do PP aos servizos públicos, a portavoz nacionalista instou ao presidente da Xunta “a deixar de lado a prepotencia e a soberbia e escoitar o que milleiros de galegos e das galegas lle piden na rúa: Sanidade pública, pensións dignas e unha Xustiza moderna e eficiente”, e para iso, o BNG “propón que abra un diálogo en defensa dos servizos públicos, no que estean tódolos sectores implicados e as forzas políticas do Parlamento. Exerza de presidente e busque solucións”.

A dirixente do Bloque suscitou unha cuestión de orde para recriminarlle ao presidente que no debate se enroque na descualificación e na mentira como único argumento. “Non son eu, nin o BNG, quen critica os recortes e as privatización dos servizos públicos, son os milleiros de galegos e de galegas que se manifestan nas rúas, son os funcionarios e funcionarias de Xustiza en folga indefinida, fartos e fartas das súas mentiras”, replicou.

Pontón da por feito que Feixóo  ten decidido a súa marcha, pero pídelle que, mentres sexa presidente de Galiza, exerza como tal en defensa do país. “Xa sabemos que ten  tomada a decisión de marchar, falta saber que porta lle van abrir. Pero aínda quedan  dous anos de lexislatura e, ou ben presenta a súa dimisión, ou se pon as pilas e traballa na defensa dos intereses dos galegos e das galegas”.

 
 
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG