Imprimir

Ana Miranda valora positivamente que a Eurocámara aprobe que o FEMP inclúa axudas para o marisqueo

BNG - Bloque Nacionalista Galego | 17 de abril de 2020

Ana Miranda
Ana Miranda
O BNG defende que este sector estratéxico de Galiza poida optar a axudas para paliar as consecuencias económicas da pandemia

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, subliña a importancia de que o Parlamento Europeo aprobara hoxe que o Fondo Europeo e Marítimo de Pesca (FEMP) inclúa axudas complementarias que contribúan a paliar as consecuencias da crise causada polo coronavirus no sector do marisqueo, tanto a pé como a frote. Esta decisión da Eurocámara súmase a aceptación, por parte do Consello da UE, de incluír axudas na modificación do FEMP esta mesma semana.

“No BNG consideramos tremendamente importante para as traballadoras e traballadores do marisqueo que este sector se poida acoller ás axudas, tendo en conta que se trata dun sector que traballa nunhas condicións moi duras e que a súa paralización causa un tremendo prexuízo para as familias que dependen dun sector estratéxico para Galiza”, salienta Ana Miranda, ao tempo que considera que “hoxe temos unha boa nova para o sector nun momento moi duro”.

“Xa desde a negociación da anterior reforma do FEMP, no período 2012-2013, o Bloque no Parlamento Europeo reclamamos que o marisqueo fora incluído entre as actividades que puidesen recibir axudas dos fondos europeos de pesca”, lembra a portavoz do BNG en Europa, quen sinala que no 2012 unha delegación integrada polo sector pesqueiro galego reclamaba “un trato xusto” por parte das institucións europeas. “Celebramos que por fin Europa abra por fin os ollos ao sector pesqueiro”, conclúe.

Flexibilización de fondos

Por outro lado, Ana Miranda tamén valora de forma moi positiva a aprobación hoxe na Eurocámara da flexibilización de outros instrumentos, como os fondos de cohesión, xa que ao seu xuízo serven para facer fronte as graves consecuencias económicas da crise causada polo coronavirus. “Dende o BNG estaremos atentas ao control dos mesmos para garantir unha boa execución e para que vaian destinados á poboación máis afectada”, apunta.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/ana-miranda-valora-positivamente-eurocamara-aprobe-femp-inclua-axudas-marisqueo/20200417164322026899.html


© 2020 BNG - Bloque Nacionalista Galego

Bloque Nacionalista Galego
Avda. Rodríguez de Viguri, 16 baixo
15703 Santiago de Compostela
GALIZA
CIF: G32014003
Correo: [email protected]
Teléfono: 981555850

facebook twitter youtube whatsapp telegram instagram flickr