Ana Miranda representa ao BNG e ao grupo Verdes-ALE no Congreso do Partido dos Trabalhadores de Brasil

Concentración apoio Lula
Concentración apoio Lula
A portavoz do BNG en Europa trasladará ao ex presidente Lula a solidariedade do Bloque fronte a súa persecución política e xudicial

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, participa no 7º. Congreso Nacional do Partido dos Trabalhadores do Brasil-PT que se celebra en Sao Paulo, do 22 ao 24 de novembro. Este congreso, no que Ana Miranda representa ao BNG e ao Grupo Verdes-ALE do Parlamento Europeo, conta cunha especial atención internacional tras a liberación do ex Presidente do Brasil, Luis Inácio "Lula" da Silva, cuxa participación está prevista na inauguración do evento.

“A nosa participación neste congreso servirá para reforzar as relacións que temos desde hai anos co PT, pero tamén para amosar a nosa solidariedade co ex presidente Lula”, afirma a Coordinadora de Relacións Internacionais da Executiva Nacional do BNG. Precisamente as delegacións internacionais, das que forma parte Miranda, van manter unha reunión co ex presidente Lula, quen quere agradecer o apoio internacionalista dado na súa causa de persecución co proceso de "lawfare" na grave persecución política ao que se veu sometido.

Precisamente nas pasadas eleccións xerais, a mesma presidenta do PT Gleisi Hoffman, con quen Ana Miranda mantivo un encontro no Foro Sao Paulo de 2018, agradeceu ao BNG polo apoio solidario durante todo o proceso de acoso político, xudicial e mediático a Lula.

A nacionalista galega vai participar tamén na conferencia internacional que realiza o PT no serán do venres 22 sobre a crise do neoliberalismo e o ascenso da extrema dereita no mundo e as propostas da esquerda. Asemade, participará no panel que terá lugar sobre a crise ambiental do modelo depredador cuxas terribles consecuencias estanse producindo na Amazonia e as accións internacionais contra a emerxencia climática.

Encontro coa Fundaçao Perseu Abramo

Por outro lado, Ana Miranda manterá un encontro bilateral coa Secretaría de Relacións Internacionais do PT. Igualmente, manterá un encontro cos representantes da Fundaçao Perseu Abramo, fundación ligada ao PT coa que a Fundación Galiza Sempre realizou no pasado moitas iniciativas relativas, como no tema do orzamento participativo e nos dereitos colectivos dos Pobos.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG