Ana Miranda reclama maior control dos fondos europeos con procesos de investigación máis rápidos e claros

Ana Miranda
Ana Miranda

O BNG defende asemade a protección total das persoas que denuncien os delitos financeiros

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, e membro da Comisión de Asuntos Xurídicos, vén de presentar unha batería de emendas ao Informe sobre as Investigacións levadas a cabo pola Oficina Europea Anti-Fraude (OLAF) no tocante á cooperación coa Oficina do Fiscal Europeo (EPPO) e á efectividade desas pesquisas.

“O control dos fondos europeos de forma máis transparente e rápida nos procesos é fundamental”, salienta Ana Miranda, quen lembra o acontecido en 2003 e 2004 coa adxudicación de 104 depuradoras compactas para a súa instalación en pequenos núcleos de poboación . “É terrible que unha sentenza considerase que a investigación arrancara cando as presuntas irregularidades xa estaban prescritas e a Deputación de Ourense librouse de devolver 10,1 millóns de euros reclamados polo Estado, atendendo aos requirimentos da OLAF”, sinala.

Para o BNG é fundamental a posta en marcha de “accións concretas” para materializar a cooperación entre a OLAF e o Fiscal Europeo mediante o aumento das reunións periódicas para trataren investigacións en curso e identificar tendencias e posíbeis vencellos entre casos diferentes. Asemade na batería de emendas presentadas, a deputada nacionalista defende que a intensificación das pesquisas relativas ao mal uso dos fondos europeos debe facerse baixo o Marco Financeiro Multianual.

Notificación inmediata

Por outro lado, Ana Miranda considera que debe ser reforzado o papel do Fiscal para axilizar as investigacións, así como a notificación inmediata das condutas delitivas por parte da Oficina Anti-Fraude nas que a EPPO teña competencias. Finalmente, a eurodeputada do Bloque propón que as persoas que denuncien delitos e violacións relativas aos intereses financeiros da UE tanto á OLAF como á EPPO gocen de protección total.

“Se queremos que xornalistas e investigadores sigan investigando e destapando os casos de corrupción temos que garantir a súa seguridade”, destaca Miranda, para quen resulta intolerable que en Europa se produzan asasinatos como o de Dafne Caruana, acontecido en Malta en outubro de 2017, tras participar na investigación dos “Panama Papers”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG