Ana Miranda reclama o aumento de medidas de salvamento marítimo no Corredor Marítimo de Fisterra

Ana Miranda heliporto Cee
Ana Miranda heliporto Cee

A eurodeputada do BNG critica a infrautilización do heliporto de Cee, pechado desde 2014

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, defende o incremento de recursos de salvamento marítimo no Corredor Marítimo de Fisterra co obxectivo proporcionar un servizo acorde coas necesidades, áxil e próximo á zona de pesca. Para a eurodeputada nacionalista resulta fundamental evitar as consecuencias do accidente acontecido o pasado 20 de decembro en Malpica de Bergantiños, que causou o falecemento do patrón dunha embarcación da pesca do cerco.

“É imprescindible unha base de salvamento marítimo na Costa da Morte que garanta a axilidade do servizo, xa que cada minuto é decisivo para salvar vidas”, salienta Miranda, quen critica asemade a infrautilización do heliporto de Cee, construído con fondos europeos. Esta base está inoperativa desde 2014 e a súa construción supuxo un coste final de 1,8 millóns de euros. “Se este lugar concreto non era o axeitado, por que se construíu aí?”, pregunta a deputada en relación a decisión da exministra Ana Pastor de manter a base pechada.

A eurodeputada do Bloque lembra que o efectivo de Salvamento Marítimo (o Helimer 203) se atopa no aeroporto de Santiago, “de modo que o tempo de chegada en caso de accidente é indubidablemente máis alto que se estivese na comarca Fisterra”. Ao seu xuízo, o Corredor Marítimo de Fisterra, cun tránsito medio anual de 40.000 navíos, “está desamparado tanto por contar cun heliporto sen helicóptero despois dunha inversión millonaria de fondos europeos como polos sentinazos incontrolados que non se vixían nesa zona”.

Para o BNG o Corredor de Fisterra debe ter a consideración de "zona especial" a respecto do tráfico marítimo internacional porque "non queremos outro Prestige". Neste sentido, para a formación nacionalista é imprescindible a posta en marcha de medidas preventivas de control e medios técnicos de salvamento, “non heliportos baleiros”, polo que presentará unha pregunta á Comisión Europea para a súa resposta por escrito.

Solucións para Malpica

Precisamente a veciñanza de Malpica de Bergantiños leva anos denunciando as correntes de auga que se forman na porta de entrada e saída da dársena, que é demasiado estreita, e que foron as que fixeron volcar o barco o pasado 20 de decembro. Diante desta situación, dende Malpica estanse recollendo sinaturas do resto de confrarías do Estado para tratar de solventar esta situación.

“É inescusable que se produzan avances reais en materia de prevención e protección da Costa da Morte, xa que se trata dunha zona pola que transitan centos de barcos, tanto porque saen a faenar cada día como os que pasan preto da costa con mercancías perigosas”, subliña Ana Miranda, quen lembra que a defensa de máis medios nesta zona é unha das reclamacións históricas do BNG.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG