Ana Miranda: “A proposta dos novos fondos de cohesión europeos son un mazazo para Galiza, saimos perdendo”

Ana Miranda
Ana Miranda

O BNG presentará emendas no Parlamento Europeo encamiñadas a que se teñan en conta as circunstancias propias, como o criterio demográfico e a precariedade e que se corrixa a recentralización

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, fixo hoxe unha primeira valoración das propostas de fondos europeos presentadas pola comisaria de Política Rexional Europea sobre a Política Europea para o período 2021-2027. Segundo defendeu a europarlamentar, “estas propostas son un mazazo para Galiza xa que sae perdendo”. Así, subliña que a Comisión deixa a Galiza con menos fondos, fóra da categoría de "territorio de transición", sen rede de seguridade e considerándoa "territorio rico" sen ter en conta o fenómeno demográfico como o despoboamento, a emigración ou a precariedade laboral”.

Nas propostas presentadas pola Comisión Europea concrétanse zonas, elixibilidade e criterios dos futuros fondos de cohesión relacionadas coa PAC, o Fondo de Cohesión, o Fondo Social Europeo, os Fondos FEDER e o Fondo Pesqueiro (FEMP), que se trasladarán ao Parlamento Europeo, onde durante meses poderán ser emendadas en virtude da capacidade colexislativa da Eurocámara.

Ana Miranda salienta que a nova consideración de Galiza demostra que o goberno de Feijoo “non fixo as tarefas previas de preparar a Galiza para a baixada de fondos e da denominada rede de seguridade”. Ao seu xuízo, o goberno galego “non preparou ao noso Pais para unha redución de fondos, nin para unha nova etapa de restrición para o que se pode cofinanciar”.

Pasividade do goberno galego

“O goberno do PP debe aclarar que vai facer diante da proposta do executivo comunitario de máis recentralización do reparto en Madrid no lugar de Galiza”, manifestou a eurodeputada nacionalista, para quen é unha moi mala noticia que haxa menos cartos, con condicións máis duras para recibilos e sen ter en consideración o despoboamento e outras realidades económicas e sociais.”Que fixo o goberno galego nestes anos para defender a Galiza? Nada”, denuncia.

Miranda considera que, diante da pasividade do goberno galego de non terse movido nos últimos anos vendo que os fondos de cohesión ían diminuír e que ía ser mais difícil a elixibilidade, “agora toca presentar emendas no Parlamento Europeo”. Deste xeito, o BNG comprométese a realizar, nos vindeiros meses polo País, unha ronda de consultas cos sectores produtivos, interlocutores sociais, entidades medioambientais, sectores emprendedores... co fin de poder trasladalas no Parlamento Europeo para aumentar os fondos.

“Cómpre desenvolver unha estratexia de País diante de ver o pouco que lle preocupa ao PP que Galiza perda fondos, e que pola contra se conforman co golpe que lle dan os seus dende Bruxelas", manifestou Miranda.

 
 
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG