Ana Miranda propón que a Comisión Europea apoie a creación dunha Axencia Europea dos Océanos

Ana Miranda
Ana Miranda

A eurodeputada do BNG subliña que Vigo sería o lugar ideal para un organismo de coordinación das diversas actividades pesqueiras, investigadoras e de protección de medio ambiente a nivel europeo

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, dirixiuse á Comisión Europea para solicitar a creación dun organismo europeo de xestión dos océanos que coordine distintos aspectos como pesca, investigación, protección do medio ambiente e xestión das costas. Con esta proposta, Miranda faise eco de varias reflexións manifestadas na conferencia que tivo lugar no Parlamento Europeo o pasado 19 de marzo sobre a importancia dos océanos.

A eurodeputada viguesa considera que ademais o lugar de ubicación podería ser Vigo, pola súa posición de referente internacional nos temas mariños, como así o reflicte a boa nova da elección da cidade para acoller un cumio sobre planificación espacial mariña, que se celebrará os vindeiros 12 a 15 de maio.

A eurodeputada do BNG afirma que xa a sede da Axencia Europea de Control da Pesca está en Vigo, así como distintos organismos centrados na investigación, como por exemplo o Instituto de investigacións Mariñas, o Instituto Oceanográfico e o CETMAR e o Campus do Mar, coa posibilidade de ampliar competencias. Tendo isto en conta salienta que Vigo sería unha excelente opción para unha futura Axencia Europea dos Océanos similar á axencia que xa existe en Estados Unidos. Ou o caso da Axencia Espacial Europea, que aínda que aglutina a 22 países, é unha axencia cun notable índice de descentralización que coordina as actividades de investigación espacial.

Beneficios en investigación e emprego

Para o Bloque, resultan “indiscutibles” os beneficios que para Vigo e Galiza tería este organismo, ao converter a cidade en “faro europeo da xestión e investigación oceánica”. Ademais de permitir afondar na investigación e na xestión mariña de Galiza e suporía novas oportunidades laborais e empresariais, ao contar coa posibilidade de desenvolver e implantar novas tecnoloxías mariñas e de innovación tendo en conta como elemento primordial o factor ecolóxico.

Neste sentido, a creación deste organismo tamén suporía o desenvolvemento de ferramentas para poder atallar os problemas que afectan aos océanos en Europa, especialmente os ocasionados polo forte impacto do cambio climático e o aumento da contaminación.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG