Ana Miranda pregunta á Comisión Europea como afectará un Brexit duro ao sector pesqueiro galego

Ana Miranda (Foto: Delmi Álvarez)
Ana Miranda (Foto: Delmi Álvarez)
O BNG demanda información sobre os dereitos sociais, políticos e sanitarios das persoas residentes no Reino Unido

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, dirixiuse á Comisión Europea para saber como afectará un Brexit duro ás condicións de vida da cidadanía comunitaria, e en particular aos miles de galegos e galegas desprazados ao Reino Unido, arredor de 40.000, así como ao sector pesqueiro galego. “A situación da pesca galega é unha cuestión que preocupa especialmente ao Bloque”, subliña.

Para Ana Miranda é necesario que a Comisión Europea explique que consecuencias pode ter un Brexit duro para a economía galega, tendo en conta que hai armadores galegos que operan con bandeira británica e de Malvinas, dos que 47 realizan as súas operacións en portos galegos. Igualmente, a portavoz do BNG en Europa fai referencia ás empresas que exportan e importan en ambos territorios en áreas como a téxtil, as manufacturas e os servizos.

“Vemos falta de axilidade por parte do goberno galego sobre o impacto dun Brexit duro na economía galega”, denuncia Miranda, quen considera que esta saída do Reino Unido afectará ás condicións de vida de cidadáns galegos, emigrantes económicos, estudantes e investigadores. “Sabemos que están vivindo con incertidume o seu futuro en relación coa residencia, os seus dereitos sociais, políticos e sanitarios, polo que é indispensable que a Comisión Europea elabore un informe que explique as consecuencias”, sinala.

Acordo de estabilidade

A portavoz do BNG en Europa lembra que o pasado 13 de marzo o Parlamento Europeo aprobou o acordo “Proposta de Regulamento do Parlamento Europeo e do Consello sobre as autorizacións de pesca para os buques pesqueiros da Unión en augas do Reino Unido e as operacións de pesca dos buques pesqueiros do Reino Unido en augas da Unión”, mediante o que se establecían as bases para respectar a estabilidade das actividades pesqueiras para capturar as cotas xa asignadas.

No seu traballo no Parlamento Europeo, Ana Miranda ten levado a cabo diversas iniciativas dirixidas á Comisión Europea que recollen a preocupación do Bloque sobre as consecuencias do Brexit para Galiza e para a cidadanía galega residente no Reino Unido,  tanto no que se refire á libre circulación das persoas, como nos sectores produtivos. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG