Ana Miranda pide explicacións a ADIF polo gasto “a dedo” para asesorar aos comparecentes na Comisión de Investigación do Alvia

ana Miranda Violeta Bulc
ana Miranda Violeta Bulc

A eurodeputada do BNG considera inaceptable que haxa máis preocupación por “lavar a cara” dos intervintes que por coñecer a verdade

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, dirixiuse a ADIF para pedir explicacións pola contratación “a dedo” do servizo de asesoría para os comparecentes na Comisión de Investigación que sobre o Alvia tivo lugar no Congreso dos Deputados. “É inaceptable que eses traballos de asesoramento estiveran máis centrados en ocultar ou manipular a realidade que en esclarecer as causas do accidente máis grave acontecido en Europa nos últimos 25 anos”, subliña.

Ana Miranda critica que esta información feita pública onte constata “o que xa era unha obviedade: que esta Comisión non é máis que un paripé de PP e PSOE para saír do paso”. Impedimentos para que as vítimas puidesen intervir en dúas ocasión, prohibición de intervención á propia eurodeputada denunciante, ocultación de información por parte de José Blanco e Ana Pastor sen asumir as súas responsabilidades, falta de transparencia e servizo de asesoría “a dedo” son algúns dos elementos que marcan o “inaceptable desenvolvemento desa Comisión”.

Tendo estes datos en conta, para a eurodeputada nacionalista, “a única posibilidade aberta para coñecer a verdade e polo tanto, as causas reais do accidente é Europa”, tras a denuncia presentada polo BNG en xullo de 2017 por incumprimento da normativa europea de seguridade ferroviaria.

Procedemento de infracción

Neste sentido, a eurodeputada do Bloque lembra que a Comisión Europea, o pasado mes de xaneiro, decidiu abrir por esta causa un procedemento de infracción contra o Estado español. Precisamente, na última xuntanza que Miranda mantivo coa directora de Transporte ferroviario da Comisión Europea, Elisabeth Werner, e co xefe de gabinete da Comisaria de Transporte, Werner trasladoulle a necesidade de que o goberno estatal cumpra a normativa comunitaria en seguridade ferroviaria tal e como lle pide a Comisión Europea.

“Lamentablemente, até agora o único que sabemos é que o Estado español solicitou unha prórroga de dous meses, pero a Comisión quere que se implemente a normativa de seguridade ferroviaria de control de riscos e un plan de acción que a poña en práctica”, manifestou. “Esta inacción demóstranos o pouco interese que teñen os sucesivos gobernos de PP e PSOE en mellorar a seguridade ferroviaria”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG