Parlamento Europeo

Ana Miranda insta á Comisión Europea a garantir os dereitos lingüísticos de Galiza

Ana Miranda
Ana Miranda
A portavoz do BNG en Europa considera que a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias non pode ser papel mollado

A portavoz do Bloque en Europa, Ana Miranda, trasladou unha pregunta á Comisión Europea sobre a grave situación que atravesa a lingua galega segundo se desprende do quinto Informe do Comité de Expertos da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias publicado polo Consello de Europa. Miranda insta á Comisión a garantir os dereitos lingüísticos de Galiza posto que este informe, dirixido ao Estado español, chama a atención sobre la necesidade de eliminar as limitacións do ensino do galego en todos os niveis de educación.

“O menosprezo de Feijoo a este informe e ás institucións europeas é un claro exemplo do pouco que lle importa ao goberno galego a nosa lingua”, critica a portavoz do Bloque en Europa, quen lembra que a perda de falantes de galego é unha das denuncias constantes da Plataforma Queremos Galego, convocante das sucesivas mobilizacións en defensa da nosa lingua nas diferentes vilas e cidades de Galiza.

No seu escrito, Ana Miranda pregunta á Comisión se ten coñecemento do incumprimento por parte do goberno galego, pero tamén sobre como vai garantir o apoio á lingua galega mediante os novos programas orzamentarios. “Non queremos que a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias sexa papel mollado”, salienta.

Así, a portavoz do BNG en Europa defende o cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, que foi ratificada polo Estado español en 2001, e cuxo obxectivo consiste en garantir a normalidade das linguas minorizadas. Segundo a Carta, cada estado ten que garantir o uso pleno do galego nos territorios onde é oficial ou está protexido polo estatuto en ámbitos como a sanidade, a educación, a xustiza, a administración, as relación sociais e económicas, a cultura e as relacións transfronteirizas.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG