Parlamento Europeo

Ana Miranda insta ao goberno central a cumprir as directrices da CE sobre a Rede Natura e evitar o deterioro da serra do Oribio

Ana Miranda
Ana Miranda
A Comisión Europea asegura que a principal responsabilidade do cumprimento da normativa europea corresponde ao Estado Membro

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, reclama ao Estado español que cumpra as directrices europeas referidas á protección dos espazos da Rede Natura, como é o caso da serra do Oribio. En resposta a unha pregunta formulada sobre o impacto que suporía a construción dun parque eólico nesta zona a Comisión Europea afirma que “os Estados Membros adoptarán as medidas apropiadas para evitar, nas zonas especiais de conservación, o deterioro dos hábitats naturais e dos hábitats de especies, así como as alteracións que repercutan nas especies que motivaran a designación das zonas, na medida en que ditas alteracións poidan ter un efecto apreciable no que respecta aos obxectivos da presente Directiva”.

“É evidente que a instalación dun parque eólico na serra do Oribio modifica as características que motivaron a súa inclusión na Rede Natura, de forma que consideramos imprescindible que o goberno galego faga presión para que as directrices desta normativa europea se cumpran”, subliña Ana Miranda. A nacionalista sinala que na súa resposta, a Comisión tamén indica que “calquera plan ou proxecto que poida afectar de forma apreciable ás zonas pertencentes á Rede Natura 2000 debe someterse a unha adecuada avaliación. Á vista das conclusións da avaliación, as autoridades competentes só se declararán de acordo con dito plan ou proxecto tras haberse asegurado de que non causará prexuízo á integridade deses lugares”.

Segundo a portavoz do BNG en Europa, a construción do parque eólico –do que a Comisión asegura non ter información- suporía un terrible impacto paisaxístico e medioambiental nesa serra, así como a destrución de emprego nos sectores agrogandeiro e turístico, “que Galiza non pode permitir”. Nesta liña expresa o firme compromiso do Bloque coa “preservación medioambiental do noso país”. “Estivemos, estamos e estaremos vixiantes para garantir a protección da nosa riqueza natural; xa non podemos aturar máis despropósitos”, engade.

Reserva da Biosfera

Ademais, Ana Miranda considera “incoherente” que a Ribeira Sacra, O Courel e a Serra do Oribio sexan candidatas a converterse en Reserva da Biosfera de Galiza ao tempo que se proxecta a construción de parques eólicos. “A instalación de 27 aeroxeradores e tendidos eléctricos de media e alta tensión en Paradela non é compatible coa candidatura para Patrimonio da Humanidade”, defende.

“Posto que segundo a Comisión Europea a responsabilidade principal da correcta aplicación do Dereito da UE recae nos Estados Membros, temos que esixir que os gobernos español e galego garantan que as actividades nas zonas Natura cumpran coa normativa comunitaria”, conclúe.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG