Parlamento Europeo

Ana Miranda: “É unha excelente noticia que o grupo de traballo da Rede Europea de Mulleres da Pesca conte con dúas representantes galegas”

Delegación mulleres pesca (foto Delmi Álvarez)
Delegación mulleres pesca (foto Delmi Álvarez)
O BNG comprométese a seguir de cerca o cumprimento das demandas das profesionais do mar

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, asistiu esta mañá, xunto a parte da delegación galega de mulleres traballadoras do mar desprazadas a Bruxelas, á asemblea xeral da Rede Europea de Mulleres da Pesca e da Acuicultura (AKTEA), na que dúas representantes galegas entran xa a formar parte do grupo de traballo que busca encargado de revitalizar a rede, programar os próximos encontros e manter unha loita firme en defensa da igualdade.

“Estamos diante dunha excelente noticia que o grupo de traballo de AKTEA conte con dúas representantes galegas, xa que así temos a seguridade de que as demandas e necesidades das nosas redeiras, mariscadoras e todo o colectivo en xeral serán tidas en conta”, manifestou Ana Miranda. Así, deste órgano comezan xa a formar parte a presidenta de ANMUPESCA, Rita Míguez, e a presidenta da Federación Galega de Redeiras, Verónica Veres.

Das demandas das mulleres do sector pesqueiro e marisqueiro fixeron fincapé novamente ao longo da asemblea de AKTEA, en especial que os estudos recollan as cifras reais das mulleres na pesca, incluíndo a todo o colectivo, poder estar nos centros de toma de decisións que lles afectan directamente e desenvolver un traballo coordinado entre todas as asociacións, así como fomentar a comunicación.

Respaldo do BNG

“Está claro que alí onde está o BNG nótanse os resultados, xa que grazas a traer unha delegación de mulleres galegas integradas por distintos colectivos da pesca e o marisqueo estas traballadoras van ter voz e voto na Rede Europea na defensa dos seus dereitos”, salientou Ana Miranda. Neste sentido defendeu que as asociacións de mulleres do mar teñan acceso directos aos fondos europeos marítimo pesqueiros como ferramenta necesaria para dar resposta as súas necesidades e poñer fin as desigualdades.

Miranda avanzou ademais que o Bloque estará vixiante aos pasos que se vaian dando desde as institucións europeas neste sentido, en referencia as declaracións manifestadas onte polo Comisario para o Medio Ambiente, os Océanos e a Pesca ás participantes nas xornadas, Virginijus Sinkevicius, quen ademais de expresar a súa satisfacción pola celebración das xornadas manifestou o seu compromiso coa igualdade das mulleres tras recoñecer a existencia de precariedade no traballo levado a cabo polas mulleres na pesca e no marisqueo. Ao respecto falou do 2022 como ano para desenvolver unha análise da política pesqueira común.

“O compromiso do BNG coa mellora das condicións laborais e sociais das mulleres que traballan no mar é firme”, salientou a portavoz do Bloque en Bruxelas, lembrando as reunións periódicas que se desenvolven con distintos colectivos ao longo da costa galega, así como a presentación de emendas aos documentos orzamentarios europeos correspondentes.

A delegación galega participante nas xornadas da Rede de Mulleres Europeas da Pesca estivo integrada, ademais das presidentas de ANMUPESCA e a Federación Galega de Redeiras, por representantes da Asociación de Mariscadoras de Carril (Amarcarril), a Asociación cultural de mulleres do mar de Cesantes (Amarturmar), a Asociación de Mulleres do Mar de Arousa, a patroa maior da confraría de Vilanova e a vicepatroa maior de Carril.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG