Parlamento Europeo

Ana Miranda: “Desde a Eurocámara loitamos contra a precariedade laboral, como a que existe no sector da enfermería”

Ana Miranda. Foto: Delmi Álvarez
Ana Miranda. Foto: Delmi Álvarez
O colectivo “Enfermeiras eventuais en loita” presentará unha denuncia contra o SERGAS na Comisión de Peticións pola excesiva temporalidade durante unhas xornadas organizadas polo BNG

A precariedade laboral na profesión de enfermería será tratada mañá e pasado no Parlamento Europeo nunhas xornadas de traballo que organiza a portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda. Precisamente no marco destas xornadas o colectivo “Enfermeiras eventuais en loita” trasladará á vicepresidenta da Comisión de Peticións, Tatjana Znocka, a denuncia contra o SERGAS pola sucesión de contratos eventuais que fai a administración pública galega en fraude de lei contra a normativa europea.

“Estamos diante de casos dunha precariedade alarmante por parte do sistema sostido polo SERGAS”, critica Ana Miranda en referencia á concatenación de contratos temporais sen días libres entre uns e outros, de forma que en ocasións ás profesionais vense na obriga de traballar practicamente todos os días do mes. Incluso esa precariedade leva a imposibilidade de ter os dereitos laborais básicos, como o permiso por matrimonio/parella de feito, de maternidade/paternidade, de coidado de familiar ou baixas laborais.

Precisamente na súa denuncia, o colectivo “Enfermeiras eventuais en loita” explica que a temporalidade se mantén debido á insuficiente oferta, xa que non se cobren todas as prazas do persoal que se xubila; ao exceso de contratos por acumulación de tarefas, que é usado de forma indiscriminada e contraria ao dereito establecido pola Unión Europea, e ao inmobilismo da Administración Pública por tomar medidas para paliar a elevada eventualidade existente.

Infraccións do dereito comunitario

“As infraccións do dereito comunitario son múltiples e así o acreditan diversos informes e sentencias”, subliña Ana Miranda en referencia ao Informe específico semestral do Semestre Europeo 2019, que recomendou ao estado español a reducir a elevada proporción de contratos temporais. A portavoz do BNG en Europa tamén fai referencia ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea, que o 14 de setembro de 2019 denunciou que a norma española que permite a utilización de nomeamentos sucesivos de duración determinada para atender a necesidades permanentes no sector da saúde é contraria ao Dereito da Unión Europea, xa que o uso deste tipo de contratos só pode estar xustificado para atender necesidades temporais.

Como consecuencia desta situación, o Consello Internacional de Enfermería e a Organización Internacional do Traballo denuncian que España é o Estado con maior porcentaxe de traballadoras e traballadores pobres e que o sector da enfermería está á cabeza da temporalidade. Por outro lado, a Organización Mundial da Saúde (OMS) sinala que no Estado español hai 5,3 profesionais de enfermería por cada 1.000 habitantes, cifra por debaixo do 8,8 de la media comunitaria. E estes datos fan que sexa o cuarto Estado europeo na cola do ratio de enfermeiras por habitante, no posto 24 de 28.

No caso galego, a situación vese agravada dado o envellecemento da poboación, a redución de servizos públicos sanitarios en determinadas zonas, así como a emigración de profesionais causada pola precariedade laboral e a falla de estabilidade que afecta tamén intensamente á enfermería sendo unha das profesións con maior número de emigracións nos últimos anos na procura dun traballo e un salario decentes.

“Tamén queremos denunciar a opacidade do SERGAS, xa que incumpre a súa obriga de transparencia, ao non facer público o número de persoal fixo e eventual que traballa nos seus centros, así como os nomeamentos de carácter eventual ou de substitución que efectúa a diario”, conclúe Ana Miranda.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG