Ana Miranda defende o traballo da ONG Open Arms tras presenciar o rescate de 59 persoas ao leste de Trípoli

Ana Miranda Astral 5
Ana Miranda Astral 5

A eurodeputada critica as decisións tomadas onte por Italia ao non permitir o atraque dos barcos no seu porto e insta á Unión Europea a “tomar en serio” a situación de catástrofe humanitaria que se vive no Mediterráneo

A eurodeputada do Bloque, Ana Miranda, viviu hoxe o rescate de 59 persoas realizado pola ONG Proactiva Open Arms, coa que está embarcada desde o pasado mércores xunto a outros eurodeputad@s, polo que quere facer un recoñecemento público a súa tarefa de salvar vidas. Segundo fontes da propia ONG, todas as persoas rescatadas, entre elas dous menores non acompañados, se atopan en bo estado. 

Ademais, cualificou de “escandalosas” as palabras do Primeiro Ministro italiano Matteo Salvini, quen rexeitou permitir o atraque dos barcos de Open Arms nos portos do seu país. 

“É un escándalo o que fai Italia e outros países da Unión Europea, ao non acoller inmigrantes nin deixando atracar aos barcos e deberían esixírselle responsabilidades pola morte de centos de persoas”, subliñou Miranda. Neste sentido referiuse tamén ao feito de que non se permitise ás embarcacións da ONG, que conta cun barco medicalizado, executar o rescate das persoas que se atopaban en situación de emerxencia, algo que tivo fatais consecuencias, ao producirse a morte de arredor de cen persoas.

“Estamos diante dunha emerxencia humanitaria terrible coa que se está convertendo o Mediterráneo nun inmenso cemiterio. Os europeos e europeas deberiamos sentir unha inmensa vergoña polo que está acontecendo ás portas da nosa casa”, reflexiona a eurodeputada do BNG, para quen rescatar persoas, como aconteceu hoxe, “non pode ser delito”.

Por outro lado, Ana Miranda quere facer un recoñecemento explícito ao traballo que fai todo o persoal das ONG’s que prestan as labores de axuda humanitaria, neste caso de xeito especial Proactiva Open Arms. “Salvar vidas non pode ser delito”, defende, ao tempo que critica a criminalización na que se empeñan uns e a pasividade de outros para poñer fin as situacións catastróficas tanto sociais como económicas que se viven nos países de orixe.

Solución dos problemas nos países de orixe

“Temos que ter claro que mentres non se solucionen os problemas nos países de orixe seguirá habendo xente que se xogue a súa vida e a dos seus fillos no Mediterráneo, polo que as decisións deberán ser conxuntas”, explica Miranda, quen considera “pouco realista” pretender que a xente non se expoña a morrer no mar mentres nos seus países se mantén a guerra e a miseria económica.

Segundo a eurodeputada do Bloque, embarcada coa ONG Proactiva Open Arms cos eurodiputad@s Miguel Urbán, Javier López e Eleonora Forenza, a Unión Europea debería “preocuparse menos por reunións descafeinadas nas que se chega a acordos puntuais moi discutibles e tomar en serio a catástrofe humanitaria que deixa morrer a xente tanto en terra como en mar”. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG