Imprimir

Ana Miranda critica que a Xunta Electoral Central non permita a Oriol Junqueras recoller a acta de eurodeputado

BNG - Bloque Nacionalista Galego | 17 de xuño de 2019

A eurodeputada do BNG denunciou a discriminación do cabeza de lista da coalición Agora Repúblicas

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, asistiu en Madrid, á recollida de credenciais da eurodeputada e o eurodeputado entrantes da coalición Agora Repúblicas, Diana Riba e Pernando Barrena, onde criticou que a Xunta Electoral Central non permitira realizar este trámite ao cabeza de lista da coalición, Oriol Junqueras, e consume a vulneración dos seus dereitos.

“Atopámonos diante dunha clara discriminación dun compañeiro”, subliñou a eurodeputada do Bloque, quen pon en dúbida o razoamento esgrimido pola Xunta Electoral Central á hora de denegar o permiso a Junqueras tras ser elixido eurodeputado nas eleccións europeas do pasado 26 de maio, ao sinalar que podería interferir na redacción das sentenza correspondente ao xuízo do Procés que rematou a semana pasada.

Para o BNG, a decisión da Xunta Electoral Central representa unha clara vulneración dos dereitos dun representante público elixido por máis de un millón de votantes. “Ademais de atopármonos diante da vulneración dos dereitos dun representante elixido democraticamente estase faltando o respecto ás persoas que votaron libre e democraticamente nos pasados comicios”, subliña a eurodeputada nacionalista.

Ana MirandaDefensa das liberdades

“Precisamente hoxe os obxectivos fundamentais da nosa coalición, a defensa as liberdades, os dereitos nacionais e sociais dos pobos e a loita contra a involución democrática, están máis vixente que nunca”, afirmou Miranda, quen avanzou que estes criterios formarán parte do seu traballo na Eurocámara na vindeira lexislatura.

O novo Parlamento Europeo constituirase na sesión plenaria do 2 de xullo en Estrasburgo, data a partir da cal Ana Miranda continuará o traballo na Eurocámara representando ás 171.500 europeas que escolleron a papeleta do BNG nas pasadas eleccións europeas e defendendo os intereses galegos. Como eixos fundamentais figurarán a defensa dos sectores produtivos galegos, desde a pesca e a agricultura pasando pola industria e o sector enerxético, a defensa do medio ambiente e a loita contra a urxencia climática, centrada no tema do saneamento das rías e rios, os dereitos humanos e a loita contra a precariedade e polo emprego e o seguimento da demanda do accidente do tren Alvia.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/ana-miranda-critica-xunta-electoral-central-non-permita-oriol-junqueras-recoller-acta-eurodeputado/20190617144602025045.html


© 2019 BNG - Bloque Nacionalista Galego

Bloque Nacionalista Galego
Avda. Rodríguez de Viguri, 16 baixo
15703 Santiago de Compostela
GALIZA
Correo: [email protected]
Teléfono: 981555850

facebook twitter youtube whatsapp telegram instagram flickr