Ana Miranda apoia as peticións de información da veciñanza do Ribeiro sobre a concesión mineira Man da Moura

Xuntanza Ana Miranda MIna Man da Moura
Xuntanza Ana Miranda MIna Man da Moura

A eurodeputada do BNG alerta de que se produza unha situación similar a do proxecto Mina de Touro – O Pino 

A eurodeputada do Bloque, Ana Miranda, reuniuse coa veciñanza de Ribadavia, Carballeda de Avia e Leiro para coñecer de primeira man as súas preocupacións sobre a explotación da concesión mineira da Man de Moura, aos que lles trasladou o seu apoio nas reiteradas demandas de información sobre a situación actual do proxecto. 

Na xuntanza, a veciñanza expuxo as súas preocupacións sobre a calidade da auga e o futuro dos xacementos arqueolóxicos existentes nesta zona no caso de executarse a concesión da explotación mineira. Neste sentido, lembraron que se trata dunha concesión do ano 1997 que foi outorgada á empresa Marcelino Martínez S.L, con sede en O Porriño, e que precisamente o estudo ambiental do que se ten coñecemento data desa época.

Pola súa banda, concelleiro do BNG en Ribadavia, Xacobe García, explicou que tras consultar o PXOM deste concello, “é preocupante ver como a explotación mineira queda a unha distancia próxima de xacementos xa catalogados e a súa área de protección”. Para a veciñanza resulta preocupante asemade que se vexan afectados os diversos mananciais dos municipios e a produción agrogandeira, tendo en conta que se trata dunha zona de explotación vitivinícola. 

“Diante desta desinformación non podemos baixar a garda e desde o BNG respaldamos as peticións de información da veciñanza”, asegurou Ana Miranda, quen alertou de que os acontecementos desemboquen nunha situación como a do proxecto Mina de Touro – Pino, a respecto do que recentes informes sectoriais da Xunta falan de graves riscos para a saúde e o medio ambiente.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG