Ana Miranda alerta á Comisión Europea das consecuencias medioambientais negativas do túnel da Porta do Sol

Ana Miranda. Foto: Delmi Álvarez
Ana Miranda. Foto: Delmi Álvarez

O BNG critica que a obra prevista, cofinanciada con fondos FEDER, teña efectos contrarios á loita contra o cambio climático

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, dirixiuse á Comisión Europea nunha pregunta escrita para denunciar o proxecto de construción dun túnel na rúa Elduayen, xa que a súa execución, cifrada en 17 millóns de euros, sería cofinanciada polos fondos FEDER. “Queremos preguntarlle á Comisión como valora a construción dun túnel no centro da cidade que suporá aumentar o tráfico e a contaminación, cando os obxectivos dos programas de Crecemento Sostíbel instan xusto ao contrario”, destaca Ana Miranda.

Neste sentido, a portavoz do Bloque en Europa critica que desde o Concello non se barallen outras alternativas que permitan crear rutas no ámbito histórico e cultural da cidade que fomenten o uso peonil e ciclista, tal como insta o Programa Operativo FEDER de Crecemento Sostíbel nas súas liñas de actuación.

“Tendo en conta que parte do investimento deste proxecto procede dos 15 millóns concedidos por Europa dos fondos FEDER ao denominado “Vigo Vertical” co obxectivo de mellorar a accesibilidade da cidade, facer un túnel que corte drasticamente o casco vello non é a mellor opción”, salienta Ana Miranda.

Participación cidadá

“É moi grave, ademais, que o goberno local incumpra a normativa europea de dereito de acceso e participación na información relativa ao medio ambiente e que non teña en conta a opinión da veciñanza afectada”, denuncia Miranda, quen por outro lado alerta de como a construción desta infraestrutura suporá afondar na fractura xa existente no casco antigo vigués, ao prever construír unha foxa e dúas ramplas nunha rúa moi estreita, “por non falar da alta probabilidade de atopar restos arqueolóxicos e cimentacións antigas sen documentar”.

Para Ana Miranda “é terrible o desprezo co que se fala nesta cidade do patrimonio histórico e cultural”. “En lugar de mimalo e protexelo se pretenden facer obras que poden poñer en perigo o que aínda existe, sen levar a cabo un estudo serio de cales son as mellores actuacións para preservalo de forma compatible coas directrices europeas”, sinala a portavoz do Bloque en Europa.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG