Parlamento Galego

Dos 273 millóns adicionais que pide o BNG para atención primaria o PP só pon enriba da mesa o 6%

 Montse Prado
Montse Prado

Montse Prado conclúe que a Xunta deixa en papel mollado o acordo que desconvocou a folga en sanidade

A portavoz de Sanidade, Montse Prado, acusou ao titular da consellería de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, de deixar en papel mollado o acordo que permitiu desconvocar a folga prevista en atención primaria, pois confirma que o orzamento adicional para a que é a porta de entrada ao sistema público de saúde é de 17,3 millóns de euros para os próximos dous anos, cando o BNG facía proposta de 273 millóns adicionais para atención primaria só en 2019 que foi vetada polo PP.

E aínda así se precisarían varios anos para recuperar o recorte de 2.000 millóns de euros só en atención primara na década de goberno do PP.

Prado considera que o Executivo de Feixóo está xogando coa boa fe dos e das traballadoras da sanidade pública finxindo unha disposición para negociar que, en realidade, só buscaba aplacar a previsible penalización electoral ao Partido Popular por parte do persoal e usuarios da sanidade pública.

“O temor ás represalias electorais permitiu desconvocar a folga en atención primaria para acceder a dialogar e negociar algo que tiñan pendente desde fai tempo. Agardo que non estraguen a boa fe dos e das traballadores que desconvocaron a folga, porque non é un cheque en branco”, indicou Prado na súa interpelación a Almuíña.

“Cal é o seu compromiso real con este acordo? Porque o presidente da Xunta xa dixo que non había incremento orzamentario, nin xerencias de primaria diferenciadas, nin máis persoal para evitar a sobrecarga asistencial e rematar coa precariedade laboral. Dous días despois de asinar o acordo, está en sede parlamentaria e queremos que explique cal é o compromiso da consellería de Sanidade, evitándonos o seu habitual exercicio de escapismo”, reclamou a deputada.

“A solución non pasa por medidas de aparencia, nin por parches senón por medidas reais que dean solución aos problemas que o persoal leva anos denunciando, porque moito me temo que só buscaban desconvocar a folga”, criticou, ante un conselleiro que nada logrou concretar.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG