Imprimir

O BNG propón que o galego sexa por lei lingua “vehicular” no ensino

BNG - Bloque Nacionalista Galego | 04 de xuño de 2019

Ana Pontón
Ana Pontón

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón anuncia iniciativas en defenda do sector industrial galego e  pedirá a Xunta que non autorice a venda  de Ferroatlántica  

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, avanzou hoxe, trala xunta de Portavoces, que o BNG defenderá no vindeiro pleno unha Lei para frear “o proceso de desgaleguización” sobre o que xa teñen alertado diversas institucións oficiais e entidades en defensa da lingua galega.

Pontón recalcou que para o BNG resulta imprescindible garantir o futuro da nosa lingua, sobre todo no ámbito do ensino e mostrouse convencida de acadar un “gran acordo de todas as forzas parlamentarias” para que o galego “sexa por lei lingua vehicular no ensino”:

Na comparecencia ante os medios de comunicación explicou que a propia Xunta recoñece que só o 8,54% das escolas infantís nas cidades galegas imparten aulas en galego e fronte esta situación, dixo propoñemos que o galego sexa “lingua vehicular no ensino e incluír na Lei de Normalización Lingüística as medidas pactadas no Plan Xeral de Normalización da lingua galega”, aprobadas por unanimidade no ano 2004.

Queremos darlle rango de lei ao galego como “lingua vehicular no ensino” reiterou Pontón para que un terzo do horario lectivo semanal sexa en galego no ensino infantil e en primario e secundario se garanta o 50%, incluíndo as  materias de ámbito científico.

Para Pontón, no debate da lei do BNG, “Feixóo ten unha oportunidade de desmarcarse desas posicións de extrema dereita e centralistas marcadas por Casado e que demostre que realmente antepón a defensa dos intereses de Galiza fronte ao intereses partidistas e as posicións que atacan a lingua galega”.

CRÍTICA SITUACIÓN DO SECTOR INDUSTRIAL 

A portavoz nacional do BNG preguntará a Feixóo pola “crítica situación” da industria galega, e máis concretamente no sector das electrointensivas.  Feixóo e o PP, afirmou,  “non  poden seguir  de perfil e botar balóns fora” cando estamos falando de garantir o  futuro das factorías de ALCOA na Coruña e San Cibrao e lembrou que no sector industrial, Galiza xa  leva perdidos máis de 22 mil empregos dende o ano 2009.

“Feixóo é tan responsábel como Pedro Sánchez de ter na picota centos de postos de traballo en sectores produtivos do noso país”. Ao  longo destes anos, explicou a nacionalista, “sempre vetou tarifa galega e non apoiou iniciativas do BNG para demandar unha tarifa estable e competitiva para as electro-intensivas”. A Xunta, ten competencias exclusivas en Industria pero non as exerce e agora atopámonos coa incerteza de ALCOA pendente que atopar un comprador antes do 30 xuño ou pechar.  

O BNG PIDE Á XUNTA QUE NON AUTORICE A VENDA DE FERROATLÁNTICA E DENUNCIA A OPERACIÓN ESPECULATIVA DE VILLAR MIR

A portavoz nacionalista tamén se referiu ao anuncio da venda de Ferroatlántica da que dixo, estamos ante unha manobra de Villar Mir para “seguir facendo caixa”  a través da venda dunhas minicentrais cuxa venda  paralizamos pero  agora estamos ante “un novo intento fraudulento” para que o grupo empresarial de Villar Mir poda sanear as súas contas a costa de especular co futuro da comarca da Costa da Morte.

Pontón foi tallante, “as minicentrais son de Galiza e non poden servir para sanear os desmans dun empresario madrileño” polo que anunciou que no vindeiro pleno, o BNG pedirá á Xunta que non autorice a venda de Ferroatlántica.

“Feixóo e a Xunta deben poñerse as pilas e defender o emprego nas nosas industrias” porque hai centos de familias co corazón nun puño sen saber cal vai ser o seu futuro laboral. Si todos os grupos avalamos unha proposta para defender a nosa industria, o Goberno central non vai a negarse a poñer en marcha unha solución para ALCOA e outras empresas en perigo de peche, sentenciou.

O PP FREA O PROCESO PARA ELIXIR SENADORES/AS  

Noutra orde de cousas, o BNG defenderá na vindeira sesión plenaria a recuperación do Pazo de Meirás e impulsar medidas contra a sinistralidade nas estradas galegas.

Finalmente, Pontón tamén ser referiu á decisión do PP  de “frear o proceso” de designación de senadores e senadoras. A designación de dous senadores do Partido popular e un/unha de En Marea, explicou, foi paralizada polo PP e a presidencia do Parlamento  sen ningún tipo de xustificación. Pontón cualificou a situación de “esperpéntica” e preguntou se a decisión podía responder a problemas entre  os sectores de  “Feixóo e os baltaristas” para elixir aos representantes do PP no Senado.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/+O+BNG+prop%C3%B3n+que+o+galego+sexa+por+lei++lingua+%E2%80%9Cvehicular%E2%80%9D+no+ensino/20190604171659024972.html


© 2019 BNG - Bloque Nacionalista Galego

Bloque Nacionalista Galego
Avda. Rodríguez de Viguri, 16 baixo
15703 Santiago de Compostela
GALIZA
Correo: [email protected]
Teléfono: 981555850

facebook twitter youtube whatsapp telegram instagram flickr