Instrucións xerais provisionais de contratación do BNG

1. - Obxecto e finalidade

O apartado Dezasete do artigo Primeiro da Lei Orgánica 3/2015, do 30 de marzo, polo que se engadiu unha nova disposición adicional décimo terceira á Lei Orgánica 8/2007, do 4 de xullo, de financiamento dos partidos políticos, dispón:

“1. Os procedementos de contratación dos partidos políticos inspiraranse nos principios de publicidade, concorrencia, transparencia, confidencialidade, igualdade e non discriminación, sen prexuízo do respecto da autonomía da vontade e da confidencialidade cando sexa procedente.

2. O partido político deberá aprobar unhas instrucións internas en materia de contratación que se adecuarán ao previsto no punto anterior e que deberán contar co informe favorable, antes da súa aprobación, do órgano a que corresponda o seu asesoramento xurídico. Estas instrucións deberán publicarse na páxina web do partido”.

No marco da devandita normativa, as presentes instrucións teñen por obxecto definir as instrucións xerais de contratación do BLOQUE NACIONALISTA GALEGO, de xeito provisorio en tanto non se aproben as modificacións estatutarias que sexan precisas, co fin de garantir que a mesma se axusta aos principios normativos aplicábeis e de asegurar unha eficiente utilización dos fondos da organización política, tanto os de procedencia pública como privada.

As presentes instrucións publicaranse na web nacional do BLOQUE NACIONALISTA GALEGO, así como poranse a disposición de todos os interesados en participar en procesos de contratación, cando así o soliciten, e os órganos de control interno e de auditoría para o exercicio das súas funcións.

2. Ámbito de aplicación

Están sometidos ás presentes instrucións na forma e termos previstos nesta, os contratos onerosos que celebre a organización nacional e as comarcais do BLOQUE NACIONALISTA GALEGO.

Os grupos políticos das corporacións locais e parlamentarios do BLOQUE NACIONALISTA GALEGO adecuarán con carácter xeral a súa contratación ao que dispoñan as normas reguladoras das subvencións e fondos outorgados polas institucións e administracións onde foron constituídos, sen prexuízo de que os fondos entregados ao BLOQUE NACIONALISTA GALEGO con destino ao funcionamento destes grupos tamén terán en conta as presentes instrucións á hora de celebrar contratos con cargo aos mesmos.

3. Contratos excluídos

Están excluídos do ámbito das presentes instrucións aquelas operacións de compra de suministro ou servizos que non sexan inventariábeis ou non formen parte do inmobilizado, que sexan de consumo ocasional e teñan un valor inferior en cada compra a 300 euros.

4. Réxime xurídico dos contratos

Os contratos que concerte o BNG terán a consideración de contratos privados, rexéndose polas normas de dereito civil ou mercantil pertinente desde a súa formalización até os efectos e extinción.

5. Xurisdición competente.

A orde xurisdicional civil ou mercantil, segundo o caso, será a competente para o coñecemento das cuestións que se susciten en relación coa adxudicación, interpretación, execución, efectos, cumprimento e extinción dos contratos.

6. Necesidade e idoneidade do contrato

Os contratos que se leven a termo polo BNG estarán xustificados en canto á súa natureza e extensión ás necesidades que haxan de cubrirse para o funcionamento operativo da organización.

Os contratos que se proxecten e formalicen axustarán a idoneidade do seu obxecto e contido á actividade política que desenvolve o BNG.

7. Prazo de duración dos contratos

O prazo de duración dos contratos e as súas prórrogas estarán determinados en cada contrato.

No caso de suministros ou servizos de carácter periódico entenderanse prorrogados en tanto non haxa denuncia expresa polas partes.

8. Liberdade de pactos

Nos contratos que asine o BNG poderán incluirse calquera pactos, cláusulas e condicións, sempre que non sexan contrarios ao ordenamento xurídico e aos principios de boa administración, e respondan ás funcións que como partido político desenvolve o BNG na sociedade.

9. Contido mínimo do contrato

Nos contratos que celebre o BNG incluiranse, necesariamente, as seguintes mencións:

a) A identificación das partes.

b) A acreditación da capacidade dos asinantes para subscribir o contrato.

c) Definición do obxecto do contrato.

d) Referencia á lexislación aplicable ao contrato.

e) O prezo certo, ou o modo de determinalo.

f) A duración do contrato ou as datas estimadas para o comezo da súa execución e para a súa finalización, así como a da prórroga ou prórrogas, se estivesen previstas.

g) As condicións de recepción, entrega ou admisión das prestacións.

h) As condicións de pagamento.

i) Os supostos en que procede a resolución.

l) A extensión obxectiva e temporal do deber de confidencialidade que, no seu caso, se impoña ao contratista.

10. Contratación informal por razóns de urxencia, confidencialidade ou menor importancia económica

Os órganos do BNG poderán, non obstante o apartado anterior, contratar verbalmente nos casos de emerxencia, urxencia xustificada por necesidades política determinadas polos órganos de dirección, confidencialidade e tamén nos casos de contratos por servizos, obras ou suministros de menor contía, que se documentarán simplemente coa factura e documento de abono do prezo.

Entenderase, aos efectos da calificación de contratos de menor contía, aqueles que a normativa en vigor da contratación do sector público califique como contratos menores.

11. Arbitraxe

Os contratos poderán remitir a unha arbitraxe, conforme ás disposicións da normativa vixente en materia de arbitraxe para a solución das diferenzas que poidan xurdir sobre os efectos, cumprimento e extinción dos contratos.

12. Competencia para contratar

A competencia para contratar por conta do BLOQUE NACIONALISTA GALEGO corresponde ao Representante Xeral, de acordo cos seus Estatutos, sen prexuízo das delegacións ou autorizacións específicas que outorgue para formalizalos. En todo caso, ditas delegacións ou autorizacións só poderán recaer en responsábeis orgánicos que formen parte da Executiva Nacional, no caso de contratacións de ámbito da sede nacional, ou comarcais, que formen parte do Consello Comarcal correspondente, no caso de contratacións territoriais.

13. Transparencia

Co fin de asegurar a transparencia na información relativa á actividade contractual, sen prexuízo da utilización doutros medios que esixa a normativa vixente, na web nacional do BNG haberá un apartado de transparencia onde se publicará a información económica e financeira de relevancia, e os principais contratos nos casos que veñan esixidos pola normativa legal ou estatutaria.

14. Capacidade e solvencia dos contratistas

Na contratación procuraranse mecanismos para poder avaliar a capacidade e solvencia das persoas e empresas contratistas. En particular, evitarase a contratación con persoas ou empresas nas que concorran as prohibicións de contratar co sector público de acordo coa normativa vixente sobre contratos do sector público.

15. Preparación e adxudicación xeral dos contratos

15.1. Contratos menores

Considéranse contratos menores aqueles contratos que así cualifique a normativa en vigor de contratación do sector público. A efectos indicativos, no momento de aprobación destas instrucións provisionais, considéranse os de importe inferior a 50.000 euros, cando se trate de contratos de obras, ou a 18.000 euros, cando se trate doutros contratos. Estas contías entenderanse sen incluír o imposto sobre o valor engadido. A partir da entrada en vigor da Lei 9/2017, de 8 de novembro, de contratos do Sector Público, considéranse contratos menores os de importe inferior a 40.000 euros, cando se trate de contratos de obras, ou 15.000 euros cando se trate doutros contratos.

Estes contratos menores poderán adxudicarse directamente a calquera empresario con capacidade de obrar e que conte coa habilitación profesional necesaria para realizar a prestación.

Nestes casos, con carácter xeral, abondará coa factura incorporada e a acreditación documental da realización da contraprestación contractual.

No caso de que, por razón da súa complexidade ou idoneidade, aplicaranse ademais os seguintes trámites:

- Elaboración dunha memoria na que se determinen as necesidades que pretenden cubrirse mediante o contrato

- Petición de varios orzamentos a profesionais ou empresas relacionadas co contrato a suscreber.

- O pagamento final realizarase unha vez presentada a factura e acreditada a realización da contraprestación contractual. Só será a formalización por naqueles contratos que presenten certa complexidade ou contía, en que se requirirá a formalización e a constancia por escrito dos pactos e condicións.

15.2 Contratos sometidos a concorrencia formal

No caso de contratos que superen as contías indicadas para os menores, agás naqueles que existan razóns de emerxencia ou confidencialidade, aplicaranse os seguintes trámites:

- Elaboración dunha memoria-prego de condicións que será posta en coñecemento dos distintos profesionais ou empresas que concorran ao contrato.

- Petición de orzamentos e condicións de execución, para a súa valoración polos órganos territoriais ou nacionais de dirección.

- No caso de apreciar a necesidade de introdución de variantes, en función das ofertas, ou dun proceso de negociación, designación de persoa responsábel encargada de realizar diálogos competitivos cos ofertantes, baixo criterios de transparencia.

- Adopción da decisión de adxudicación, expresando as razóns de xeito motivado.

- Formalización do contrato, sempre con anterioridade ao inicio da prestación que conleve.

15.3. Contratos en supostos de urxencia e emerxencia

Se a celebración do contrato é necesaria para atender unha necesidade inaprazable, se resultar preciso para desenvolver actividades que non poidan ter demora, ou no caso de supostos excepcionais en que a organización teña que actuar de xeito inmediato a causa de acontecementos catastróficos ou de situacións que supuxeren un perigo inminente, poderá levarse a adiante a contratación das obras ou servizos que foren precisos, deixando constancia das circunstancias que xustiquen dita urxencia ou emerxencia.

15.4 Contratos en que concorra cláusula de confidencialidade

No caso de que o obxecto de contrato comporte a confidencialidade, por motivos de tratamento de datos persoais, de seguridade ou por consistir en servizos que impliquen unha creación de ideas para realizar campañas, imaxes ou marcas que ser obxecto de protección segundo a normativa de marcas comerciais ou de propiedade intelectual, poderá realizarse a contratación ben de forma directa, ben a través de procedementos restrinxidos que salvagarden a identidade dos profesionais e contratistas, así como o obxecto do contrato.

15.5. Contratos de servizos, suministros ou produtos ofertados en exclusividade

Cando haxa un servizo, suministro ou produto que sexan ofertados por profesionais ou empresas de forma exclusiva en base dereitos rexistrados, dereitos de comercialización exclusiva ou situacións de mercado onde se acredite a singularidade, a contratación tamén poderá efectuarse de forma directa, deixando constancia desa circunstancia.

15.6. Contratos sometidos a tarifas, prezos regulados, aranceis, normas de honorarios profesionais colexiais ou análogos

No caso de que a contratación teña por obxecto servizos ou suministros cuxo prezo estea determinado por prezos regulados, tarifas ou aranceis, ou veña indicado por índices oficiais ou normas adoptadas por institucións ou corporacións profesionais, poderán concertarse coas empresas ou profesionais que sexan provedoras de referencia de acordo coas tarifas, prezos prezos regulados ou orientadores, así como con calquera outra empresa ou profesional do sector sempre que se apliquen ditas tarifas ou prezos previamente establecidos.

No caso de que o contrato a concertar prevea un sistema de compensación diferente ás tarifas ou prezos regulados previamente fixados, deberá realizarse un procedemento seguindo os trámites previstos para os contratos sometidos a concorrencia formal.

16. Resolución por demora e prórroga dos contratos

No suposto de demoras na execución dos contratos, poderá optarse pola resolución dos mesmos, sen outro trámite que a audiencia do contratista.

No caso de que o atraso fose producido por motivos non imputables ao contratista e este ofrecese cumprir os seus compromisos dándolle prórroga do tempo que se lle sinalara, concederase un prazo adicional, agás nos casos en que se acredite que un novo contratista pode garantir un prazo menor.

17. Indemnización de danos e perdas

O réxime de danos e perdas virá estabelecido nas condicións dos contratos, e no seu defecto aplicaranse as normas civís e mercantís.

18. Principio de risco e ventura

En todos os casos, a execución do contrato realizarase a risco e ventura do contratista.

19. Pagamento do prezo e transmisión dos dereitos de cobramento

O BLOQUE NACIONALISTA GALEGO deberá abobar o prezo pactado nas condicións que se acordaran nos contratos.

Os contratistas que teñan dereito de cobramento fronte ao BLOQUE NACIONALISTA GALEGO poderán ceder o mesmo conforme os mecanismos admitidos pola normativa mercantil e financeira, para o cal será requisito imprescindíbel a notificación fidedigna deste do acordo de cesión.

20. Modificación dos contratos

Poderán introducirse cláusulas ou condicións contractuais que establezan que, unha vez perfeccionado o contrato, se introduzan modificacións nos contratos por razóns de interese superior e para atender a causas imprevistas ou sobrevidas, xustificando debidamente a súa necesidade. Estas modificacións non poderán afectar ás condicións esenciais do contrato.

No caso de contratos formalizados por escrito, as modificacións do contrato tamén deberán formalizarse por escrito.

21. Extinción dos contratos

Os contratos que concerte o BLOQUE NACIONALISTA GALEGO entenderanse cumpridos polo contratista cando este realice, de acordo cos seus termos, a totalidade da prestación.

En función do tipo de prestación, aplicarase a normativa vixente para os prazos de garantías a contar da data de recepción ou conformidade.

 

NOTA: Estas normas de contratación pasan a ser as definitivas unha vez que se adaptaron a nova lei de contratos, Lei 9/2017, de 8 de novembro.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG