Vence destaca a mensaxe de “esperanza democrática” da iniciativa pola autodeterminación

Vence destaca a mensaxe de “esperanza democrática” da iniciativa pola autodeterminación

Rosana Pérez (BNG), Alfred Boch i Pascual (ERC), Xavier Vence (BNG) e Jon Iñárritu (Amaiur)Reclámase o respecto ao exercicio do dereito de libre determinación das nacións que conforman o Estado español: Euskal Herria, Països Cataláns e Galiza.

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2013.- O Bloque Nacionalista Galego, Esquerra Republicana de Catalunya e Amaiur presentaron en Santiago de Compostela a Proposición Non de Lei que se debaterá no Pleno do Congreso co obxectivo de permitir o dereito de autodeterminación dos pobos. Con esta iniciativa, reclámase o respecto ao exercicio do dereito de libre determinación das nacións que conforman o Estado español: Euskal Herria, Països Cataláns e Galiza.

Xavier Vence, o portavoz nacional do BNG, destacou a mensaxe de “esperanza democrática” que representa esta Proposición non de Lei, que ten unha grande importancia “política e simbólica” para o nacionalismo galego.

Esta iniciativa nace da constatación dos tres grupos do esgotamento da vía autonomista cara ao pleno autogoberno e recoñecemento das nacións, afirmou. Así, referiuse ao “déficit democrático” da Constitución española de 1978 “porque cada día sufrimos con máis crueza a cruzada do movemento centralista que busca non só frear a vontade soberanista e democrática dos pobos, senón que teima en reverter e en desnaturalizar o propio proceso autonómico”. O desenlace desa relación non pode ser outro que a ruptura democrática das nacións sen Estado que, “ao noso pesar, parece que terá que ser unilateral ante a negación dunha saída pactada e democraticamente administrada”. Este debate no Congreso trata de ser unha contribución e unha oportunidade para ser unha canle para unha solución mutuamente aceptada, engadiu.

“Os pobos vemos a necesidade de controlar os fluxos económicos dos que dependen máis directamente o noso desenvolvemento e os equilibrios externos, quer nas finanzas, quer no comercio”, dixo, “ademais de experimentar con angustia as consecuencias devastadoras para a sociedade da ausencia de soberanía e da globalización, con embates dos todopoderosos mercados financeiros”.

Máis Parlamento galego, máis democracia e máis soberanía

Segundo o portavoz nacional do BNG, non se pode aceptar unha redución do Parlamento galego, como propón o PP, que xa hoxe lle nega a Galiza competencias “sobre o sistema financeiro, aeroportos, organización municipal, Ence, pesca, agricultura ou naval”, puxo como exemplos. “Non queremos menos Parlamento, queremos máis Parlamento galego, máis democracia e máis soberanía”, afirmou.

O dereito de autodeterminación, un dereito democrático

A deputada do BNG Rosana Pérez fixo un relatorio do percorrido desta iniciativa que primeiramente foi presentada como Proposición de Lei e rexeitada no Congreso, xa que na mesa para a súa admisión a trámite foi negada polo PP e os demais grupos votaron a favor de que se debatera en Pleno, segundo lembrou. “O Goberno do Estado, unha vez máis, puxo a funcionar todos os seus mecanismos para frear calquera iniciativa dirixida a entrar no dereito de autodeterminación das distintas nacións do Estado español”, afirmou, “e a partir da segunda inadmisión, decidimos convertela en Proposición non de Lei que pretende que este debate se poida dar no Parlamento español con liberdade porque é o primeiro dereito democrático que debe respectar calquera cidadán ou cidadá e, sobre todo, quen ostenta a representación pública”.

A autodeterminación é un dereito fundamental

Pola súa parte, o deputado de Amaiur no Congreso Jon Iñárritu García sinalou que esta proposta vai encamiñada a resolver unha das crises do Estado español: a crise territorial. Para Amaiur, esta crise pódese resolver pola vía do instrumento democrático como aconteceu en Canadá, en Dinamarca ou no Reino Unido, con Quebec, con Grenlandia ou con Escocia, onde se fixeron referendos. “Levar esta proposta a Madrid é o que demanda a sociedade vasca dende hai moitos anos, mesmo antes do proceso constitucional”, explicou, “queremos que os vascas e vascas teñan garantido o seu dereito a decidir o seu futuro institucional e constitucional”. O País Vasco atópase cunha maioría clara, cun Parlamento máis soberanista que nunca, e ante iso están a obriga e o mandato de intentar “co diálogo e coa negociación” que se lle recoñeza á sociedade vasca este dereito fundamental, indicou.

A alianza entre Euskal Herría, Catalunya e Galiza dá fortaleza e permite avanzar

O portavoz de ERC no Congreso, Alfred Boch i Pascual, quen iniciou a súa intervención en galego, cualificou a crise que padece o Estado español de “moi grave mais tamén é prometedora”. En Catalunya iniciouse, grazas a un pacto parlamentar, un proceso que responde a un mandato da maioría do pobo que demanda “un proceso para decidir se queremos ser unha nación independente”. “A razón principal do que facemos é porque o cremos, temos a convición como dereito do pobo de decidir que queremos ser e ademais é para lle dar unha resposta á cidadanía que o demanda”, afirmou o deputado catalán.

“A alianza entre Euskal Herría, Catalunya e Galiza é boa, porque nos dá fortaleza e porque nos permite avanzar en forma de relevos cortando o vento a quen lle corresponda en cada momento, como agora fai Catalunya co proceso soberanista”, indicou, “por iso é básico que aproveitemos as fortalezas dos pobos que loitamos pola liberdade, polo benestar, pola xustiza social e pola dignidade, porque non imos contra ninguén senón todos a favor de todos”.

Proposición Non de Lei (pdf, 224 KB)

Galeria de imaxes do acto de presentación.

Intervención do Portavoz nacional do BNG (pdf, 50 KB)

Vence destaca a mensaxe de “esperanza democrática” da iniciativa pola autodeterminación