Rosana Pérez pide a Wert a retirada das reválidas por invadir competencias e causar exclusión social

COMISION EDUCACION 005A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, presentou unha iniciativa parlamentar e unha proposición non de lei na que insta ao Ministro de Educación a paralizar o proxecto de Real Decreto polo que se regulan as probas de avaliación final de Educación Primaria, Secundaria e de Bacharelato, as reválidas.

Rosana Pérez alega que as reválidas son “elementos verdadeiramente nocivos e retrógrados. A LOMCE estabelece que para obter a titulación na ESO e no Bacharelato, resulta imprescindíbel superar estas probas. Unhas probas que son unha rémora para a continuación dos estudos e que parte dunha concepción clasista e elitista da educación, que provocará exclusión e marxinación dos estudantes máis desfavorecidos”.

As consecuencias letais das reválidas

Afirma que só van servir para “avanzar no camiño da desigualdade” e critica que coas reválidas “só se van medir resultados, sen ter en conta o contexto e as circunstancias económicas, culturais e familiares, nin tampouco as carencias e as necesidades”. Desde logo, puntualiza, os problemas van ser maiores para o alunado que precisa apoio ou reforzo, e que non pode asumir o pagamento de clases particulares.

Outra das consecuencias negativas das reválidas, sinala Rosana Pérez, é que “botan por terra todo o traballo do profesorado. O labor de avaliación continua dos profesores deixa de ter valor ante os exames de reválida”. As probas anulan por completo que no proceso educativo interfiren moitos factores.

A deputada do BNG tamén recalca o aspeito competencial. “O Real Decreto de Wert invade as competencias das CC.AA en materia educativa. As probas deséñanse desde Madrid sen contar coas Administracións autonómicas nin co profesorado”. Rosana Pérez tilda o Decreto do Goberno de “centralista e uniformizador”.

Para o BNG esta norma “é totalmente inasumíbel. As cousas non se poden facer pior desde o Ministerio, que persiste nun modus operandi carente de diálogo, inquisitorial e impositivo. Un camiño en solitario que conduce directamente ao abismo do fracaso”.

A parlamentar nacionalista pide ao Ministro de Educación “un proceso de diálogo franco e aberto con toda a comunidade educativa, coas CC.AA e todos os axentes implicados sobre o tema das reválidas”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG