Pontón pide paralizar as obras do Xallas e denuncia trato de favor do PP a Villar Mir

A deputada afirmou que as obras da Fervenza II, Ponte Olveira II e Novo Castrelo promovidas por Ferroatlántica S.L están a provocar a morte de especies en risco de extinción como confirman os informes das tres universidades galegas e a Asociación ecoloxista ADEGA3

A deputada do BNG, Ana Pontón preguntou hoxe á Xunta de Galiza se ten previsto paralizar as obras das centrais hidroeléctricas de Fervenza II, Ponte Olveira e Novo Castrelo promovidas por Ferroatlántica S.L na bácia do río Xallas ante o impacto ambiental que están a provocar.

Abusos continuados do empresario Villar Mir

A deputada iniciou a súa intervención denunciando “os abusos” de Villar Mir e o trato de favor “escandaloso” por parte dos gobernos do PP ao empresario, mesmo “autorizando ilegalidades” algunhas delas, dixo, xulgadas nos xulgados de Compostela como a “eliminación do caudal ecolóxico do río Xallas” que provocou a alteración do medio vulnerando a lei de pesca fluvial. O xulgado, engadiu, impuxo unha fianza de 8,5 millóns de euros que sería a cifra que gañou Villar Mir entre os anos 2004-2011 pola explotación da minicentral.

A parlamentaria salientou que a Asociación ADEGA denunciou as obras por afectar negativamente a especies protexidas vulnerábeis ou en perigo de extinción. Pontón tamén explicou que o informe asinado por 11 investigadores e investigadoras, das tres universidades galegas, confirma o impacto das obras sobre a biodiversidade protexida coa destrución de miles de metros cadrados de carballeira e bosques de ribeira ao longo de 2 km de río.

Asemade, a estas denuncias, dixo, hai que sumar a do concelleiro do PP de Dumbría.

Villar Mir citado nos papeis de Bárcenas e na trama Gürtell

A deputada amosou unha fotografía de Villar Mir con Feijóo e altos cargos do Partido popular na presentación da Sede da Fundación de Manuel Fraga da que unha parte da restauración do edificio foi “financiada a cargo de fondos do empresario”, or outra parte, engadiu, o nome de Villar Mir tamén aparece nos “papeis de Bárcenas e na trama Gürtel”.

“Non necesitamos máis minicentrais”, pero no tempo de desconto de Fraga ao perder as elección, a pesar de caducar as concesións a Xunta decidiu no ano 2009, seguir adiante cos “intereses de Villar Mir”. O argumento dos postos de traballo tamén é “falso” porque de 500 postos na actualidade hai menos de 300.

Intervención de Ana Pontón

A Xunta non paralizará as obras a pesar de dous expedientes sancionadores

Pola súa parte, o director xeral de Augas avanzou que as obras non serán paralizadas e os informes técnicos confirman tres novos saltos derivados das concesións orixinarias, sen embargo recoñeceu que existen dous expedientes sancionadores, en xullo do ano 2014, que obrigaron a parar as obras puntualmente en varias zonas. A Xunta reiterou, vela por que se cumpran as condicións ambientais.

Tras a intervención de Mosquera, a deputada solicitou a documentación dos expedientes abertos por Augas de Galiza e reiterou a súa petición de paralizar as obras “de maneira cautelar” ante os informes que confirman o impacto negativo das mesmas.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG