No pasamento de Eduardo Galeano

Eduardo Galeano. Autor: José Francisco Pintón. Fonte: Wikimedia Commons.

Eduardo Galeano.

Santiago de Compostela, 13 de abril de 2013.- O BNG quere manifestar publicamente o seu pesar polo pasamento do escritor uruguaio Eduardo Galeano, finado no día de hoxe na cidade de Montevideo. Eduardo Galeano foi un home comprometido co seu tempo, un militante no seu labor literario mais tamén un militante de causas como a xustiza social e a soberanía dos pobos. Galeano -que sufriu a represión da ditadura no seu país- soubo, a través dos seus libros e da súas intervencións públicas, darlle unha nova dimensión ao continente americano e, nomeadamente, a América Latina.

Eduardo Galeano denunciou, desde o seu compromiso antiimperialista, a situación de opresión e esmagamento que vivían as nacións e os pobos de América Latina. Ao mesmo tempo, quixo acompañar a resistencia deses pobos e a construción das novas alternativas políticas e sociais que foron tomando corpo no continente a partir dos anos noventa. Fixo súas as loitas de liberación nacional e social dos pobos, que forman parte do substrato da súa ampla e valiosa obra de creación literaria. Foron tamén varias as veces que Galeano visitou Galiza, onde deixou pegada da súa calidade humana e da súa altura literaria.

Por último, o BNG quere transmitir, neste doloroso día, as súas condolencias ao pobo uruguaio pola morte de Eduardo Galeano. Que a terra lle sexa leve.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG