Montse Prado acusa a RTVG de silenciar as mobilizacións do estudantado galego

Para a deputada do BNG, a TVG “oculta sistematicamente ás organizacións políticas galegas” e silencia as informacións que non interesan ao Partido popular

Montse Prado en Comisión parlamentaria

A parlamentaria do BNG, Montse Prado formulou hoxe unha pregunta ao director Xeral da CRTVG relativa ao tratamento informativo da xornada de folga do día 13 de abril convocada polos estudantes galegos en defensa do ensino público.

Na súa intervención, a parlamentaria lembrou que “Erguer, Estudantes de Galiza” anunciaron publicamente a convocatoria da folga do día 13 e valoraron ante os medios de comunicación o resultado das 18 mobilizacións e toda Galiza, sen embargo, “os medios públicos non fixeron ningunha mención a esta organización”, a pesar de ser maioritaria a súa presenza nas mobilizacións. Os medios públicos, reiterou, “non recolleron ningunha declaración dos seus representantes”.

Prado cuestionou a afirmación de Sánchez Izquierdo que defendeu unha cobertura semellante ao resto dos medios de comunicación privados de Galiza ao que a parlamentaria replicou que a CRTVG “non é un medio privado, vostede dirixe un medio de comunicación público pagado con cartos públicos e débese aos intereses públicos”. Neste caso, engadiu, “non o fixeron porque queren negar que en Galiza existen organizacións estudantís propias, organizacións políticas propias que nada teñen a ver con organizacións de ámbito estatal”.M.Prado comisión CRTVG

A deputada cualificou de “reiterado o proceder” da CRTVG no seu empeño de “ocultar a realidade galega” pero a realidade, dixo, “é que en Galiza existen organizacións propias que responden as necesidades deste país”, aínda que o obxectivo do Partido popular referencialo todo en Madrid. A tónica na información da RTVG é ocultar sistematicamente a política que se fai en Galiza e nesta ocasión, reiterou a nacionalista, “silenciar a unha organización estudantil nacionalista galega que convocou 18 mobilizacións con grande éxito”. Non tiveron un só segundo para mencionala nin para reflectir o éxito das mobilizacións e esa é a “realidade dos medios públicos que vostede dirixe”, apostilou Prado.

Montse Prado denuncia censura no programa Musigalité da TVG

Por outra parte, na mesma comisión de Control da Coorporación da CRTVG, a deputada do BNG, no transcurso doutra pregunta parlamentaria, denunciou a censura dun tema musical que facía referencia aos paraísos fiscais, en concreto, explicou, que na canción “San Marino” emitida no programa Musigalité foi censurada a parte: “Adeus cabronazos, voume a un paraíso fiscal como fan os do PP” e rematando o tema coa parte instrumental. Para a deputada, esta é unha nova mostra da TVG á hora de “manipular” os contidos que non interesan ao Partido popular, tanto nos informativos como nos programas musicais ou de entretemento.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG