Erguer os soños e as esperanzas: manifesto por unha República Galega

Erguer os soños e as esperanzas: manifesto por unha República Galega

O BNG publica un manifesto que reivindica a república galega, social e democrática, que aposte no benestar, a xustiza e a igualdade.

No manifesto deféndese que a capacidade para decidir en función dos nosos intereses é a única forma de romper coa dependencia económica, social e política

manifesto-república-14abrilO BNG vén de publicar o manifesto Erguer os soños e as esperanzas onde reivindica a república para Galiza, vinculando a mudanza na forma de goberno coa necesidade de que o pobo galego se dote de instrumentos políticos propios que creben a situación de dependencia. O BNG reivindica “unha república nosa, galega, social e democrática, que aposte no benestar, na xustiza e na igualdade; na educación, a sanidade, a vivenda e a cultura como dereitos; no laicismo, na defensa da terra e no respecto dos dereitos das persoas e dos dereitos nacionais de todos os pobos do mundo”.

Presentado con ocasión da efeméride do 14 de abril, o manifesto lembra que “unha simple mudanza na forma do estado non resolverá os problemas que padecemos”, determinados pola relación de dependencia e subordinación de Galiza con respecto ao estado español, concretada no impedimento para desenvolver as nosas potencialidades económicas, na eliminación de sectores produtivos e postos de traballo, na emigración xuvenil ou na asimilación lingüística e cultural. Esta situación só se pode resolver dispoñendo de “capacidade para decidir en función dos nosos intereses”, fórmula que concreta na reivindicación da soberanía para Galiza.

No manifesto insístese na necesidade de cambio da forma do estado non só polo carácter antidemocrático da monarquía, referendado recentemente no procedemento de substitución do xefe do Estado, senón tamén por tratarse dun sistema corrupto e dun “aparello ao servizo da clase dominante, das grandes empresas, da banca e do poder económico”. No texto chámase a atención sobre o vínculo que existe entre estas prácticas e as políticas antisociais que se executan desde as institucións de goberno do estado, en particular as que afectan aos dereitos das persoas.

Remata o manifesto facendo un chamamento á esperanza e a reivindicar o proxecto da República de Galiza, como expresión das conviccións democráticas e republicanas do nacionalismo e do dereito do pobo galego a existir: “temos dereito e escribir a nosa propia historia e a construír un futuro diferente do que outros queren para nós, de xustiza, igualdade e liberdade”.

Descarga o manifesto.

Erguer os soños e as esperanzas: manifesto por unha República Galega