Condena do BNG e solidariedade coas vítimas dos atentados de Bruxelas

O BNG fai un chamamento para evitar a espiral de violencia actual que tantas veces tamén condenamos como organización internacionalista e pacifista que somos

BruxelasA Executiva do BNG "condena expresamente os atentados perpetrados na mañá de hoxe na cidade belga de Bruxelas, rexeitando todo acto terrorista que sega a vida de moitas persoas inocentes". A organización nacionalista tamén "quere amosar a súa solidariedade coas familias das vítimas, agardando a rápida recuperación das persoas feridas".

O BNG fai un chamamento a sumarse aos actos e concentracións de condena, "actos que deben estar adicados á lembranza das persoas asasinadas, tanto na mañá de hoxe como en días pasados noutras partes do mundo (Irak, Siria, Afganistán, ...)".

A organización nacionalista considera que “hoxe é o día da solidariedade coas vítimas” e apela a abordar “a violencia terrorista mundial desde a racionalidade, desde o respecto aos dereitos dos pobos e evitando alimentar a espiral de violencia actual, que tantas veces temos tamén condenado como organización internacionalista e pacifista que somos".

"Esta espiral violenta ten que facernos reflexionar a todas e todos", engade o comunicado do BNG, "xa que non só repercute nos pobos agredidos xerando miles de persoas refuxiadas ás que lles pechamos as portas, senón que tarde ou cedo vén de volta como acabamos de ver en Bruxelas ou París, arrasando tamén a vida de centos persoas inocentes".

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG