Bruxelas aumenta o orzamento do programa Erasmus mentres Wert quere suprimir a axuda do Estado

O BNG demanda ao Goberno español que garanta que os universitarios e universitarias de Galiza, e do conxunto do Estado, van seguir dispoñendo das axudas concedidas ao amparo do Programa Erasmus, toda vez que a Eurocámara acaba de aprobar un incremento do 58% na partida adicada a sufragar o que se denomina “mobilidade universitaria”, que permite a miles de estudantes cursar parte dos seus estudos nunha universidade da UE.Programa Erasmus

Neste sentido, o orzamento total ascende a 4.920 millóns de euros para o período 2014-2020, cun incremento do 58% sobre os recursos dispoñibles para o período en vigor 2007-2013.

Aínda que as bolsas erasmus para universitari@s son as máis coñecidas, están englobadas dentro do denominado Programa Erasmus+, do que se benefician estudantes de entre 13 a 30 de diferente formación académica como a FP. O conxunto deste programa contará cun orzamento de 14.775 millóns de euros ata 2020, o que supón un incremento global do 40%.

Desde o BNG, a responsable de Política Internacional, Ana Miranda, reclama ao Goberno central que manteña para os próximos anos as axudas coas que o Estado cofinancia o programa Erasmus, en serio risco despois de que o Executivo de Rajoy anunciase a súa supresión en 2013, decisión rectificada pola presión política e social.

 “Sería un contrasentido que o ministro Wert suprimise as bolsas aos universitari@s do noso país e do conxunto do Estado, mentres que Bruxelas decide un aumento espectacular de case o 60% no orzamento dispoñible para as familias que queren que os seus fillos e fillas amplíen estudos fora, o que lles da unhas vantaxes evidentes para competir no mercado laboral, en particular na aprendizaxe de linguas”, alega Miranda.

“Eu mesma son un exemplo de persoa que completa formación grazas a unha bolsa erasmus, sen a cal non podería ter ampliar estudos fora da miña universidade de orixe”, salientou. O BNG tamén presentou iniciativas no Congreso na mesma dirección.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG