O BNG pide que o Goberno galego asuma as recomendacións da OIT para xerar traballo

O deputado do BNG, Francisco Jorquera preguntou ao Goberno se vai asumir as recomendacións do Informe da Organización Internacional do Traballo para mudar a precaria situación laboral en Galiza

 Francisco Jorquera

O parlamentario do BNG, Francisco Jorquera explicou que a crise económica obrigaba a mudar o modelo de crecemento apostando por outro baseado no coñecemento e na aportación de valor engadido á nosa economía cunha forza laboral “ben formada, ben remunerada e con estabilidade no emprego”, condicións, dixo, “incompatibles coas reformas laborais que o Partido popular puxo en marcha”. Esta estratexia, foi “ruinosa para Galiza” onde xa existían os salarios máis baixos.

Máis de 4 Millóns de empregos destruídos

No transcurso da pregunta parlamentaria, Jorquera citou o informe da OIT, titulado “España: Crecemento con emprego” que analiza as consecuencias da crise económica e reflicte que catro millóns de empregos foron destruídos no conxunto do Estado español pero tamén fai unha serie de recomendacións para unha “saída máis rápida e equilibrada coa xeración de emprego de calidade” polo que preguntou ao Goberno se terá en conta as recomendación da OIT entre as que figuran: impedir novas reducións nos ingresos laborais, recortes salariais e incrementar, nos vindeiros tres anos, un 10% o salario mínimo interprofesional.

O informe tamén recolle o elevado número de familias en risco de pobreza e menciona unha “nova forma de pobreza”, a dos “traballadores pobres” que creceron en España nunha alta porcentaxe a respecto do resto dos países europeos.

Francisco Jorquera

Os plans da Xunta para crear emprego son contrarios ás políticas que practica

Pola súa parte, a secretaria de Emprego, Covadonga Toca respondeu ao nacionalista que que a consellería está a traballar na Axenda de Traballo 20 con diferentes axentes sociais para crear emprego de calidade. A secretaria xeral afirmou que Galiza incrementou a contratación laboral nos últimos tres anos e “a situación é mellor que hai un ano”.

Na réplica, o parlamentario afirmou que 23% dos mozos galegos e galegas, pensan que a súa situación laboral será peor nos vindeiros anos e os contratos actuais son “precarios”.Por outra parte, o Goberno galego, dixo, non repón o emprego público perdido nin foron melloradas as políticas activas para xerar emprego.

Para o deputado, na súa resposta, Toca Carús non se comprometeu a asumir as recomendación da OIT nin interpretou o informe. A OIT, afirmou o nacionalista di que “non se está a crear emprego suficiente nin de calidade e advirte que se están a incrementar, de xeito brutal, as desigualdades”. Vostede respóndeme con plans da Xunta con horizontes moi bonito e encomiables pero se contradín coas políticas practicadas pola Xunta”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG