O BNG pide estabilidade laboral para @s investigador@s e o PP responde con máis temporalidade

A deputada, Montse Prado instou ao Goberno galego a crear a “categoría de persoal investigador” dentro das categorías estatutarias do persoal do SERGAS

 Intervención de Montse Prado

Montse Prado defendeu hoxe unha Proposición non de lei instando ao Goberno galego a crear a “categoría de persoal investigador” dentro das “categorías estatutarias” do persoal do SERGAS.

A parlamentaria explicou que en Galiza, os investigadores e investigadoras foron incorporándose aos hospitais dende o ano 1999 seguindo o procedemento da Lei da Ciencia de 2011 no camiño de acceso aos postos de investigador/a incluíndo o programa “Miguel Servet” cunha convocatoria inicial moi competitiva para investigadores/as de traxectoria acreditada en investigación biótica e cunha actividade enfocada a liñas de investigación independentes, aínda que reforcen as existentes nos centros aos que se incorporan.

Prado lembrou que Sanidade adquiriu “o compromiso” de estabilizar aos investigador@s que superaran o programa pero a día de hoxe, este compromiso, afirmou, “non se cumpriu”.

A parlamentaria reiterou que o BNG apoia as reivindicacións de estabilidade laboral deste persoal investigador e a súa incorporación como “persoal investigador estatutario do SERGAS” creando a categoría de “persoal investigador”.

O PP ofrece máis temporalidade ao persoal investigador

Pola súa parte, a portavoz do Partido popular, Miguel Santalices negou a posibilidade de crear a categoría que reclamaba a nacionalista por non “estar dentro do marco legal”.

Montse Prado en Comisión

Na réplica, a deputada do BNG negou as afirmacións do portavoz popular e lembrou que a única proposta da Consellería de Sanidade para este colectivo, limitase a continuar durante cinco anos con contratos temporais. “A temporalidade”, dixo, o único que crea son problemas e impide captar proxectos, que con toda probabilidade, recalcou, non concluíran debido ao remate do contrato laboral.

A parlamentaria insistiu en que é posible crear a categoría e puxo á disposición do portavoz do PP un informe xurídico que confirma a posibilidade de crear a “categoría de persoal investigador estatutario”. A deputada lamentou, que unha vez máis o Goberno non recolla as demandas deste colectivo e preguntou polas verdadeiras razóns do PP para non conceder a categoría laboral que reclaman. Ao seu entender, esta negativa responde a impedir a investigación no sector público para “pagar prezos millonarios nas entidades privadas”. Vostedes, concluíu, “non queren apostar pola investigación pública en xeral, e en particular no Servizo Galego de Saúde”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG