O BNG exixe a Rajoy "un exercicio democrático de transparencia e debate sobre o TTIP, TISA e CETA"

DSC_0659A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, presentou unha proposición non de lei e unha iniciativa parlamentar na Cámara Baixa na que pide ao Goberno español que “faga un exercicio democrático e someta os Tratados internacionais do TTIP, TISA e CETA a debate e votación nas Cortes do estado”.

A deputada do BNG reclama ao Executivo que exixa á UE “información transparente, veraz e clara sobre os lesivos Tratados UE-EE.UU: TTIP, TISA e CETA. Empezando pola publicación dos documentos relativos aos tres Tratados a fin de poñelos en coñecemento da opinión pública”. Pide ao Goberno que se sometan os Tratados “a debate e votación das Cortes do Estado como exercicio democrático imprescindíbel e necesaria xa que son Tratados que teñen un enorme impacto na vida da xente”.

Dadas as graves implicacións destes Tratados, Rosana Pérez insta ao Goberno español a posicionarse en contra do TTIP que “pretende a desregulación total, a privatización de todos os servizos públicos (sanidade, educación, servizos sociais), a anulación dos dereitos laborais, a redución da seguridade alimentar, a cesión de soberanía en aras aos intereses económicos de grandes multinacionais e corporacións, o control dos dados de millóns de cidadáns por parte das empresas”.

Deben ser ratificados pola cidadanía e polos Parlamentos de estados europeos

A parlamentar nacionalista considera fundamental que “os tres Tratados sexan ratificados por todos os Parlamentos da UE e sometidos a referendos públicos nos distintos estados como medidas vinculante para a súa aceptación ou rexeitamento”.

Ademáis, defende que “o seu debate e tramitación no Parlamento europeo sexa obxecto da pertinente presentación de emendas por parte dos diferentes grupos parlamentares, descartando así o anti democráticos trámite de debate pechado sobre os contidos dos Tratados”.

Alerta Rosana Pérez das nefastas consecuencias destes Tratados que “a UE está a negociar ás agochadas e sen información”. Denunca a “vergoñenta camaradería entre os Gobernos europeos e os lobbies económicos, que amosa ás claras o défice democrático que sofren as sociedades europeas”. Advirte que o único obxectivo dos Tratados “é o de servir ao intereses das grandes multinacionais a fin de garantir os seus investimentos e aumentar os seus ingresos”.

“As salvaxadas das multinacionais”

Pón de manifesto “as salvaxadas que estas multinacionais queren practicar no terreo laboral xa que perseguen que se elimine das lexislacións laborais europeas o dereito a ter vacacións pagadas”. “Igualmente escandaloso é o mecanismo de solución de conflitos entre estados e empresas alí asentadas. Pretenden que as corporacións poidan demandar aos estados por posíbeis cambios nas súas lexislacións cando afecten aos seus intereses comerciais”.

Alerta da onda de privatización que procuran estes Tratados en materia de sanidade, educación ou servizos sociais de dependencia. En definitiva, “búscase a total desregulación e que os estados fiquen no esquelete, e só teñan responsabilidades na xestión dos corpos de seguridade, na representación exterior, na defensa ou na xudicatura”.

Salienta que sabemos algo do TTIP pola presión social que se está a levar a cabo mediante manifestacións e movilizacións, pero “nada sabemos dos outros Tratados, igualmente perigosos como o TISA ou Acordo de Comercio de Servizos que porá en bandexa de prata ás empresas o control dos dados de millóns de cidadáns”. O CETA “é outro dos grandes descoñecidos pero con lesivas implicacións para os cidadáns.

Nun día no que hai diversas manifestacións en cidades galegas en contra destes Tratados, Rosana Pérez alerta sobre o fulminante ataque ao Estado de Benestar e aos servizos públicos que estes Tratados implican, así como un ataque a dereitos laborais, de seguridade alimentar, ao medio ambiente e ao dereito á intimidade.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG