Apoio a Daniel e David pola súa defensa nos dereitos das mulleres ante a contrarreforma do aborto

VENCE, CARBALLADA E NEIRA MURO PINTADA CONTRA LEI GALLARDONO portavoz nacional, Xavier Vence, quixo deixar claro o total apoio do BNG ao concelleiro en Cambre, Daniel Carballada, e o o militante de Galiza Nova, David Neira, denunciados pola Delegación do Goberno pola realización dunha pintada nun muro da Nacional-VI en defensa do dereito das mulleres ao aborto libre, gratuíto e con todas as garantías sanitarias.

“Estamos moi orgullosos de Daniel e David pola súa participación activa na defensa dos dereitos das mulleres”, subliñou Vence en Cambre, quen atribuíu a denuncia “a unha estratexia de represión do PP e da Delegación do Goberno contra todo o que se move para contestar a súa política antisocial e de recortes de servizos, dereitos e liberdades”.

Neste sentido, explicou que Carballada e Neira súmanse aos centos de militantes nacionalistas “acusados e acosados con multas e denuncias por parte da Delegación do Goberno e das forzas de seguridade por facer campañas activas en contra das políticas agresivas do PP”. E citou como exemplo o sucedido tamén na loita contra os desafiuzamentos, en particular no caso da señora Aurelia na Coruña.

“Pero o BNG ten claro que vai seguir dando a cara, tamén na rúa, en defensa do que considera xusto e para evitar que o PP leve a cabo de xeito impune agresións e retrocesos como a que representaba a contrarreforma do aborto de Gallardón”, recalcou Vence, pese á “represión” por participar en actos de protesta ás políticas do PP.

Pola súa parte, Carballada manifestou que estaban “orgullosos por dar a batalla polos dereitos das mulleres” asumindo a realización da pintada, aínda que denuncia a “clara intencionalidade de levarnos diante dun xulgado por un feito que podería solventarse cunha multa administrativa, porque o que se pretende é criminalizarnos e presentarnos ante os nosos veciños como delincuentes”.

“Os delincuentes son os que roubaron coa as tarxetas black, e nos só usamos a tarxeta violeta que é a cor que usan as mulleres para reivindicar o seu dereito a decidir sobre o seu propio corpo”, argumentou.

Carballada e Neira, que agradeceron as mostras de apoio da veciñanza, salientaron que a pintada non supuxo ningún atentado contra o patrimonio público ou particular de ningún veciño de Cambre, posto que se trata dun muro de contención de formigón, sobre o que xa existían pintadas previas.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG