NOA PRESAS

A Xunta ten que implicarse en manter os postos de traballo de Ferroatlántica ou reverter as concesións

Noa Presas afirma que o ERE anunciado para o vindeiro 1 de marzo até o 28 de febreiro de 2021, non está xustificado economicamente e incumpre cos requisitos das concesións hidroeléctricas do río Xallas á empresa de Villar Mir 

A Xunta ten que implicarse en manter os postos de traballo de Ferroatlántica ou reverter as concesións

A deputada do BNG, Noa Presas pediu hoxe á Xunta de Galiza que se implique e inste a Ferroatlántica a manter os postos de traballo nos dous centros de produción sobre os que recae unha ameaza de ERE.

Na defensa da proposición non de Lei, a nacionalista tamén reclamou  demandar  a “reactivación inmediata dos fornos 13 e 14 de Cee-Dumbría” e cesar no desmantelamento encuberto das fábricas.

Por outra parte, lembrou que  Ferroatlántica debe cumprir cos requisitos das concesións hidroeléctricas do Río Xallas e de non facelo, cominou á Xunta a iniciar “o proceso de reversión”.

A parlamentaria do BNG explicou que Ferroatlántica é unha empresa clave en Galiza polo volume de traballadores e traballadoras e polo seu carácter  electrointensivo e criticou que a explotación dos recursos naturais respondan a un modelo “colonial   descontrolado e permitido pola Xunta de Galiza a cambio de poucas ou ningunha esixencia”.

Na súa intervención, a deputada  pediu  á Xunta que abandone o seu “inmobilismo”   e esixa a Villar Mir frear a deslocalización encuberta de Ferroatlántica en Cee-Dumbría e paralice a formalización do ERE temporal previsto para 1 de marzo de 2019 ata o 28 de febreiro de 2021.

A Xunta, reiterou a deputada, non pode permitir a destrución de emprego e seguir “bailándolle” a auga a Villar Mir e mesmo,  apoiando unha decisión “inxustificada economicamente” baixo a desculpa da poxa da interrompibilidade xa que a poxa é para seis meses e non para dous anos ao que sumou os bos resultados económicos obtidos no ano 2018.

Noa Presas recalcou que Ferroatlántica, a pesar dos grandes beneficios, non desenvolveu investimentos de modernización da empresa e incumpre sistematicamente os compromisos de mantemento e aumento do emprego. De levarse a cabo o ERE, advertiu que ademais de destruír empregos fixos afectará durante dos anos ao traballo do persoal eventual e de auxiliares.

En opinión da deputada,  no caso de que  Ferroatlántica continúe destruíndo   emprego e actividade produtiva, o Goberno galego debe   demandar do Goberno central a paralización de calquera tipo das compensacións contempladas no Real Decreto  20/2018 para as industrias electrointensivas ao incumprir as condicións das empresas electrointensivas,

A proposición non de lei do BNG foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular.