A Xunta seguirá sancionando ás comunidades de montes polos vertidos nos montes

María Albert
María Albert

O PP rexeita a iniciativa do BNG para investigar a orixe dos vertidos para que non recaia a responsabilidade nas comunidades de montes

María Albert denuncia vertidos de escombros, electrodomésticos,  mobiliario e residuos inertes  que degradan o terreo de zonas periurbanas e próximas a zonas industriais

Criticou que o PP defenda medidas sancionadoras e recadatorias  aos titulares de montes e se opoña  a destinar persoal para vixiar os vertidos ilegais  

A portavoz de Montes do  BNG, María Albert urxiu ao goberno a investigar a responsabilidade das verteduras en zonas forestais e montes veciñais en  man común antes de sancionar aos titulares dos montes.

Albert explicou que os vertidos feitos por terceiros non conta coa autorización dos titulares dos montes e mentres isto acontece, a administración non reacciona e culpabiliza e sanciona aos titulares de montes mesmo coa obriga de retirar os vertidos. A xuízo da nacionalista, resulta “inxusto” culpabilizar aos titulares de montes e manter a  “impunidade” do anonimato xa que en realidades os montes veciñais son espazos abertos, a certa distancia dos núcleos de poboación e transitados en liberdade.

Para a deputada, os vertidos representan “un delito” contra o medio ambiente e unha situación que persiste sen que a administración tome medidas. Existen vertidos de mobiliario, escombros, residuos inertes de todo tipo e electrodomésticos, mesmo a 50 metros de puntos limpos. “Son vertidos que a xente tira por  falta de civismo de valorización do ben común, polo evidente descoñecemento da lexislación actual e polo medo a ter que pagar moito por se desfacer dos  desperdicios”, explicou

Ao noso entender, dixo, “a lei non é mala”, aínda que podía ser máis concreta e específica, o problema reside nunha equivocada interpretación da Xunta sobre esta norma.Estes montes, igual que os veciñais, teñen unha problemática moi específica no que ten a ver cos vertidos de residuos de todo tipo.

E é certo que existía unha contradición entre a lei de montes de Galiza (Lei 7/2012 ,de 28 de Xuño) e a lei de residuos de Galiza (Lei 10/2008 ,de 3 de Novembro que non foi resolta agora en ningún caso pola aprobación da Lei 6/2021 de Residuos e Solos Contaminados de Galiza, recalcou Albert.

Creo que é de todos ben coñecida a situación, principalmente nos montes situados en zonas periurbanas e nas proximidades de zonas industriais. Tanto uns como outros, son obxecto e depósito constante de vertidos da máis diversa procedencia.

Dende o BNG non pedimos unha reforma da lei, denunciamos “unha mala praxe admirativa”. O lóxico é iniciar unha investigación antes de impoñer sancións ás Comunidades de Montes e o requirimento de retirar os residuos. Iso é o que hoxe reclamamos na nosa proposta, “que a Xunta de Galiza mude a súa actitude cara os montes en man común neste país. Que non se extralimite na interpretación da norma e que aposte primeiro pola investigación dos vertidos en lugar de ir ao sinxelo e continuar a sancionar a quen non só non é responsábel, senón que é vítima das infraccións e ás veces delitos de terceiros”, afirmou.

Tras a intervención da portavoz popular, Felisa Rodríguez Carrera anunciando  o voto en contra á proposta do BNG, María Albert replicou que o BNG non pide que se deixe de aplicar a lei, pedimos que se aplique rigorosamente e non con interpretacións. Para protexer o monte é necesario “persoal que investigue a responsabilidade dos que fan os vertidos ilegais” e non basear esa protección exclusivamente nunha “medida sancionadora e recadatoria” que penaliza aos titulares do monte, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG