A Xunta négase a facer públicos os datos do censo de vivenda baleira en Galiza reclamados polo BNG

Alexandra Fernández
Alexandra Fernández
Alexandra Fernández denuncia que o novo Plan de Vivenda facilita o acceso a axudas e beneficios fiscais a entidades de crédito e de xestión de activos
A Xunta négase a facer públicos os datos do censo de vivenda baleira en Galiza reclamados polo BNG

A Xunta negouse no Parlamento galego, a pregunta do BNG, a facer públicos os datos do censo de vivenda baleira, unha información que permite coñecer onde e cantas vivendas baleiras hai no país e a titularidade das mesmas. “Cantas son propiedade de entidades de crédito, das súas filiais inmobiliarias ou de entidades de xestión de activos, incluídos os procedentes da reestruturación bancaria”, especificou a portavoz nacionalista de Vivenda, Alexandra Fernández, quen recriminou ao Executivo galego a “ocultación” do censo.

“Non hai ningún tipo de xustificación para que a Xunta teña eses datos e os oculte, a non ser que non queira que a xente saiba cal é a dimensión e as características deste parque inmobiliario”, reprobou ao director do Instituto de Vivenda e Solo. Neste sentido, explicou a relación entre o censo e a planificación das políticas de vivenda da Administración Feixóo e denunciou que as medidas incluídas no novo Plan de Vivenda non distinguen entre estes grandes tenedores e os pequenos propietarios, o que permite aos primeiros beneficiarse de numerosas axudas e beneficios fiscais.  

Así, entre as medidas relacionadas co censo de vivenda, Fernández referiuse ao programa de alugueiro con opción de compra para menores de 35 anos, onde o propietario vai recibir 8.000 euros directos por incluír no alugueiro a opción de compra, unha opción que obriga ao pago do 5% do prezo, cun prazo de cinco anos para a adquisición, que se non se exerce, supón a perda da fianza. “Pasados cinco anos -explicou sobre uns cálculos de prezos medios- ou o propietario gañou, ademais das rendas, 15.500 euros a maiores ou, se se exerce a compra, 8.000 euros a maiores que pagamos todos”.

Nesta mesma liña tamén exemplificou sobre o programa de mobilización de vivenda baleira, no que os propietarios inscritos no citado censo reciben axudas de 8.000 euros para arranxos, facilidades para préstamos sen xuros, bonificacións nos tributos municipais e outras axudas complementarias, ademais de beneficios fiscais do Estado. En ámbolos dous casos, non se fai distinción algunha entre pequenos e grandes propietarios.

“Non pode ser que medidas que están pensadas para transformar un grave desequilibrio e que ten que ver coa acumulación de propiedades e o seu uso especulativo en mans de grandes propietarios non se utilicen para limitar este uso especulativo, senón para garantir os seus beneficios”, reprochou. Fronte a este modelo, defendeu a proposta do BNG, que avoga por esixirlles a estes grandes propietarios o compromiso social da mobilización desta vivenda cara ao alugueiro social e accesible, aplicando medidas de presión fiscal para propiciar esa mobilización e non coa inxección de recursos públicos que lles permite aumentar a rendibilidade destes activos.    
 

A Xunta négase a facer públicos os datos do censo de vivenda baleira en Galiza reclamados polo BNG