A xunta electoral zona de Noia abre expediente sancionador a Feixóo por infracción da lei electoral

Feixóo
Feixóo

Responde á denuncia do BNG contra o PP por pedir o voto de xeito expreso para o candidato municipal de Ribeira fora de campaña electoral

A Xunta Electoral Zona de Noia ven de comunicar ao BNG “a incoación dun expediente sancionador” ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixóo, e ao presidente provincial coruñés do PP, Diego Calvo, por vulnerar o artigo 53 da Lei orgánica de réxime electoral xeral (LOREX,) que impide a petición expresa do voto antes do inicio da campaña electoral, neste caso os comicios municipais do 26M.

O acordo da Xunta electoral, pendente de alegacións polos interesados, dítase en resposta á denuncia presentada polo BNG o 25 de marzo na que se poñía en coñecemento dese organismo a celebración dun acto público no Concello de Ribeira o 11 de marzo coa presenza do candidato local do PP, Manuel Ruíz Rivas, de Calvo e de Feixóo, no que se pediu o voto expreso para o actual rexedor o 26M.

"Temos que meter a papeleta do Partido Popular", afirma Diego Calvo (minuto 24:50). Ou “só hai unha maneira para que Manolo e o PP gobernen Ribeira, sabedes cal é? Votando Partido Popular”, (minuto 26:50) recolle a denuncia do BNG documentada con un vídeo do acto.

Noutro momento do acto, vólvese pedir o voto para o candidato local, “pedimos claramente el voto cuando toquen las elecciones municipales” nunha intervención na que tamén se pedía o apoio para as xerais do 28A: “Yo  vengo a pedir el voto aquí para Galicia, para la libertad, para la tolerancia, para España y vengo a pedir el voto para un español que se llama Pablo Casado y por eso os digo, vayamos a votar” (minuto 1:16:10).

A Xunta electoral da Zona de Noia considera “presuntamente responsables” a Diego Calvo e a Núñez Feixóo e sinala que a sanción por infracción do citado artigo 53 da LOREX oscila entre os 300 e os 600 euros, ademais de sinalar que teñen a opción de recoñecer voluntariamente a súa responsabilidade aos efectos previstos no artigo 85 da Lei 39/2015.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG