A Xunta do PP realizou 513 contratos cun cartel de empresas sancionado pola CNMC

Luís Bará
Luís Bará

Luís Bará: “Imos seguir tirando da manta porque pensamos que é só a punta do iceberg dunha trama que desenvolveron unha relación parasitaria coa Administración”

O BNG denunciou que a Xunta de Galiza realizou 513 contratos cun cartel de empresas sancionadas pola Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC) tras comprobar que pactaban prezos e condicións comerciais e que intercambiaban información sensible para encarecer os contratos coas administracións públicas.

Deste cartel de once sociedades multadas con 29,9 millóns de euros a contratación do Goberno de Feixóo concéntrase en tres delas: Indra, ATOS e EVERIS Spain, algunhas con vínculos directos co PP, de feito a empresa Indra presidida por Fernando Abril Martorel aparece ligada ás operacións Púnica e Lezo e ao financiamento ilegal do PP.

En concreto, os contratos formalizados con esas tres empresas entre 2012-2018 suman un total de 110 millóns de euros, a maior parte deles asinados pola entidade AMTEGA, pero tamén a través do CISTEC, SERGAS, CRTVG e diferentes consellerías.

“E temos a confirmación de que existen máis contratos a través de UTEs”, denunciou o deputado Luis Bará, quen destapou o que cualificou “un gran negocio” para unhas empresas que manteñen “unha contratación parasitaria e cautiva coa Administración posto que teñen o control da tecnoloxía que usan nos servizos que prestan e iso, na práctica, imposibilita case calquera competencia, de tal xeito que ven como se lles renovan os contratos sucesivamente desde 2012”.

Bará tamén denunciou que a maior parte dos contratos asinados son “adxudicacións a dedo”, ben a través de contratos menores, ben a través da modalidade de negociado sen publicidade, aos que se suma tamén unha porcentaxe de contratos por importes millonarios. En definitiva, “estas empresas beneficianse dunha choiva de millóns por parte da Xunta nun ámbito de negocio moi florecente como é o da administración electrónica”.

De feito, estas sociedades manexas datos extremadamente sensibles, como os historiais sanitarios electrónicos, o historial social único, rexistros educativos ou os propios rexistros da Xunta.

“Unha información ultrasensible en mans de empresas privadas”, advirte o deputado do Bloque. De feito, para Bará esta contratación a través de AMTEGA termina xerando “un gran chiringuito” con centos de persoas contratas dentro da Administración pero sen pertencer a Administración, unha especie de “empresas empotradas na Administración pública”, recalcou e que, insistiu, “desenvolveron unha relación parasitaria coa mesma”.

Bará anunciou que o Bloque “vai seguir tirando da manta” ao considerar que estes 513 contratos, aos que tivo acceso a través dunha solicitude parlamentaria de información, “son só a punta do iceberg que esconde un gran negocio. Algo cheira a podre”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG